Losada preside a reunión de coordinación do Plan Especial de Seguridade do eclipse solar de agosto
- Laura Moure

- hace 6 minutos
- 2 min de lectura
Á cita asistiron representantes dos concellos de Meis, O Porriño e Silleda, municipios que contan con puntos de observación recomendados para seguir o eclipse
Laura Moure/Silleda
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu onte na Subdelegación do Goberno unha reunión de coordinación para avanzar na preparación do dispositivo previsto con motivo do eclipse solar total do próximo 12 de agosto, un fenómeno que prevé atraer un importante número de visitantes aos principais puntos de observación da provincia.

O encontro enmárcase no Plan Especial de Seguridade aprobado pola Secretaría de Estado de Seguridade e nel participaron representantes da Policía Nacional, Garda Civil, Subsector de Tráfico, Protección Civil, Turismo de Galicia, Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia e representantes dos concellos de Meis, O Porriño e Silleda, municipios que contan con puntos de observación recomendados para seguir o eclipse.
Durante o encontro abordouse a planificación do dispositivo de seguridade, con especial atención á mobilidade, á regulación dos accesos aos puntos de observación, á prevención de aglomeracións e incendios forestais, á coordinación dos servizos de emerxencias e á atención ás persoas visitantes.
PUBLICIDADE
Abel Losada destacou a importancia da anticipación e da coordinación institucional para afrontar un evento que concentrará un elevado número de persoas nun curto espazo de tempo. O subdelegado subliñou que "o obxectivo é garantir que a observación do eclipse se desenvolva nas mellores condicións de seguridade, mobilidade e protección para a cidadanía".
PUBLICIDADE
O Plan Especial contempla, entre outras medidas, o reforzo da seguridade cidadá nos puntos de observación e os seus accesos, a coordinación cos servizos de emerxencias e protección civil, a planificación da mobilidade, a protección das infraestruturas de transporte e a difusión de recomendacións preventivas á cidadanía, incluíndo o uso de lentes homologadas para a observación segura do eclipse.








Comentarios