Haberá 12 máquinas quitaneves, unha máis que o ano pasado, que terá base en Lalín
Laura Moure/Deza
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu esta mañá no Centro de Conservación de Estradas situado na N-541 en Cerdedo-Cotobade, a firma do Plan de Vialidade Invernal co que, explicou, “os departamentos da Administración do Estado imos coordinar e traballar durante todo este outono e inverno para garantir e mobilidade e as boas condicións de circulación na rede de estradas de toda a provincia, diante de fenómenos meteorolóxicos adversos, especialmente nevaradas. O obxecto do Plan de Vialidade é establecer a organización e os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos da Administración Xeral do Estado dispoñibles no ámbito da provincia de Pontevedra e que, ante a predición de precipitacións en forma de neve, xeo ou outras situacións climáticas extremas, resulte necesario mobilizar para asegurar a correcta circulación na Rede de Estradas do Estado, reducindo en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitando as retencións de vehículos ou, no seu caso, minimizando a súa duración ante fenómenos climatolóxicos adversos.

“Trátase, en suma”, explicou o subdelegado, “de telo todo previsto para actuar rapidamente en situacións nas que o tráfico e, por tanto, a seguridade da cidadanía póidase complicar”. Para Abel Losada “acabamos de comprobar, desgraciadamente, a importancia de que os protocolos e os medios humanos e técnicos para atender as emerxencias estean ben “engraxados”; a coordinación e a rapidez son cruciais en caso de catástrofe e as estradas sempre son unha infraestrutura crítica”.
O Plan alcanza a varios departamentos, todos eles presentes na firma do protocolo esta mañá. Son a propia Subdelegación, a Xefatura Provincial de Tráfico, representada pola xefa provincial, Paula Yubero, o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira, así como á Demarcación de Estradas do Estado, representada polo responsable na provincia, Pablo Domínguez, a propia Garda Civil e a Policía Nacional cuxa firma recaeu no tenente coronel Óscar Grañas e no comisario xefe provincial, Juan José Diaz.
Publicidade
Para a coordinación do operativo créanse varios postos de mando avanzado nas tres zonas nas que se divide a provincia. Do mesmo xeito que en anos anteriores son a zona Norte (comarcas Deza), Centro (comarca de Pontevedra e de Tabeirós-Terra de Montes) e Sur da Provincia (Vigo-Louriña-Condado-Paradanta).
Reforzo de medios
Abel Losada informou de que para este operativo, que se estende ata o 30 de abril de 2025, van reforzar os medios existentes con 12 máquinas quitaneves, unha máis que o ano pasado (que terá base en Lalín), 5 plantas de salmoira e 7 silos que almacenan 1.580 toneladas de sal distribuídos estratexicamente entre as tres zonas da provincia. O subdelegado explicou que hai 6 tramos que se consideran especialmente conflitivos na provincia pola posibilidade de nevaradas ou xeo durante este inverno. Os puntos máis sensibles repártense polos concellos da Cañiza, As Neves, Covelo, Dozón, Lalín, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Agolada, Silleda e A Estrada. En concreto, a situación por estradas e puntos quilométricos é a seguinte: A-52 (15,5 Km que inclúen as bocas do túnel de Folgoso), N-120 (17,1 Km que abarcan o alto da Fontefría), N-525 (14,06 Km entre os que están os altos de San Martiño e de Santo Domingo), N-541 (37,3 Km que inclúe a paraxe de Portela de Lamas), N-640 (20,09 Km que inclúen o alto do Marco) e N-640 (15,08 Km entre os que está o alto de Xindriz).
Abel Losada indicou que, tradicionalmente, a provincia de Pontevedra non é unha das máis conflitivas á hora de garantir á vialidade invernal, pero advertiu de que “temos que estar atentos e dispoñer dos medios necesarios para previr a formación de placas de xeo nas estradas e proceder rapidamente á retirada de neve se se producen nevaradas nos puntos máis altos, que son os máis complicados”.
Comments