Lorenzana ofrece a Metaldeza de Lalín entrar na cadea de subministración do sector da defensa
- Laura Moure

- hace 4 horas
- 2 Min. de lectura
“Cremos que é un exemplo de empresa que podería entrar” neste ámbito, polo que se van avaliar “as posibilidades que poden ter dentro dos mecanismos que ten a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA)”, di
Laura Moure/Lalín
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avaliou onte cos responsables de Metaldeza as posibilidades de que esta empresa familiar especializada no deseño, fabricación e montaxe de construcións metálicas entre a formar parte da cadea de subministración do sector da defensa.
Lorenzana visitou este venres no polígono de Botos, en Lalín (Pontevedra), a sede desta empresa familiar con case corenta anos de traxectoria que considerou representativa do que é o sector metalmecánico en Galicia. Un sector, dixo, que concentra máis do 40 por cento do peso da industria na comunidade, por riba dos 60.000 empregos e con máis de 3.000 empresas.

A conselleira apuntou que Metaldeza é unha empresa que “conta cos tres elementos básicos para que exista unha fórmula de éxito”, que son a internacionalización, a innovación e a diversificación, porque leva sabido introducirse en todo tipo de sectores: industrial, mineiro, enerxético, entre outros. Nesta liña, explicou que a vontade da Xunta é traballar agora conxuntamente coa empresa para axudalos a dar o salto ao sector da defensa.
“Cremos que é un exemplo de empresa que podería entrar” neste ámbito, dixo, polo que na xuntanza vanse avaliar “as posibilidades que poden ter dentro dos mecanismos que ten a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA)”, que vai mobilizar ata 2030 máis de 900 millóns de euros, lembrou. “Agora mesmo existen unha trintena de empresas que xa están traballando en Galicia no sector da defensa e a seguridade pero pensamos que podemos chegar a máis de cen”, abondou.
PUBLICIDADE
No marco desta estratexia, Lorenzana quixo lembrar que aínda está aberta ata o vindeiro 13 de maio a liña de axudas da Xunta para certificacións, que xa leva consumido o 80 por cento do crédito, que é de 1,5 millóns de euros. Cobre a primeira Inscrición no Rexistro Xeral de Armamento e Materiais (DGAM); a implantación de sistemas de xestión da calidade; a homologacións de sistemas ou produtos; as autorizacións de seguridade ante o CNI; e o asesoramento en proxectos para participar en convocatorias nacionais ou europeas.
PUBLICIDADE
“É unha maneira de acompañar as empresas galegas que non son deste sector -dixo-, para que poidan entrar neste mundo que ten moitísimas posibilidades para elas polo potencial industria e tecnolóxico que xa temos”, concluíu.








Comentarios