lníciase o marcado das novas sendas peonís entre a rotonda da gasolineira e o acceso a Toiriz
- Laura Moure

- 13 ago 2022
- 2 Min. de lectura
As obras financiadas nun 80 % pola Deputación de Pontevedra permitirán achegar os servizos básicos as vivendas desta zona de Silleda
Laura Moure/Silleda
Persoal técnico designado pola Deputación de Pontevedra achegouse este venres a marcar os límites polos que discorrerá a nova senda peonil na EP-7201 e que unirá a rotonda de enlace coa N-525, a nova rotonda das Pedrosa e a rotonda do Instituto e chegando ata o acceso ao núcleo de Toiriz. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a Concelleira de Urbanismo Paula Fernandez mantiveron un encontro cas e cos veciños propietarios de vivendas situadas nas zonas de obra para darlles a coñecer de primeira man as zonas de afeccións desta obra tan demandada por eles.

Sobre o terreo, tanto os técnicos como a veciñanza puideron comprobar que a maior parte das propiedades foron xa expropiadas no seu día, e que as afeccións tan só se producen en dúas parcelas nas que será necesaria a cesión dunha marxe de terreo así como desprazar nunha delas unha parte do peche dunha vivenda por resultar tamén afectado. A partir do momento no que as e os veciños afectados asinen as actas de cesión, procederase a sinatura do convenio cos Deputación de Pontevedra e poderá licitarse as obras que teñen un prazo de execución de 6 meses, así o confirmou o alcalde que “confía na boa vontade dos propietarios afectados para resolver canto antes este procedemento e que as obras poidan iniciarse canto antes” xa que “estas non son unhas simples sendas de paseo e con elas chegarán os servizos públicos para as e os veciños de toda esta zona” recordando que disporán de pasos peonís sobreelevados, servicio de alumeado público con luminarias LED de alto rendemento e rede soterrada de pluviais e saneamento.
Ademais, Manuel Cuiña, aproveitou a ocasión para agradecer o continuo apoio da Deputación con obras que permiten “garantir a seguridade de toda a veciñanza”, xa que esta senda de 1,4 Km na EP-7201 e de 2.5 metros de ancho formará un itinerario seguro e continuo, en toda a fronte urbana de Silleda, dando así servizo “a todas as persoas que accedan a espazos urbanos tan importantes como o parque das Pedrosas, o cemiterio ou o instituto” ademais de mellorar tamén o cruzamento nesta zona do Camiño de Santiago.
As obras que se financiarán a través dun convenio entre Deputación e Concello, rondarán os 690.000 euros, sendo a entidade provincial quen achegue o 80% e o Concello o 20% restante, e forman parte da actuación integral que a Deputación está a facer na zona xa que veñen a completar os traballos feitos na nova rotonda das pedrosas e a actuación de mellora da Rúa do centro de saúde. “A deputación está a investir máis que nunca neste concello para axudarnos nestas transformación nas que as persoas están no centro”







Comentarios