top of page

Licitan por 6,7 M€ a obra do saneamento do núcleo urbano de Lalín que xerará máis de 100 empregos

O obxectivo é aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e executar un tanque de retención que mellore o funcionamento do saneamento en tempo de chuvias e evitando vertidos


Laura Moure/Lalín

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou da licitación este martes por importe de 6,7 millóns de euros das obras do tanque de tormentas do río Pontiñas e dos novos colectores, que mellorarán o saneamento do núcleo urbano de Lalín e xerarán máis de 100 empregos. Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, José Crespo, presentou esta actuación, recollida como prioritaria no Plan director de saneamento do municipio, redactado por Augas de Galicia. Avanzou que o obxectivo é iniciar as obras no último trimestre do ano e telas rematadas a finais do 2023, xa que teñen un prazo de 12 meses. As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 10 de maio para presentar as súas ofertas.

O obxectivo da intervención é aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas, renovando a rede de saneamento, así como na execución dun tanque de tormentas que permitirá reter as augas cando haxa episodios de chuvias, minimizando os vertidos de auga sen tratar ao medio.


Para incrementar a capacidade executaranse catro treitos principais de colectores, con diámetros desde os 400 ata os 2.000 milímetros ademais de pequenos treitos de entronque para a conexión coa actual. Serán dous colectores nas marxes do río; un que recollerá as augas residuais da zona sur e as conducirá ao tanque de tormentas; e outro colector que recollerá as augas da rede de saneamento da parroquia de Donramiro. O tanque de tormentas, cunha estrutura semisoterrada, terá unha capacidade de 5.000 m³, o que permitirá a retención das augas pluviais, evitando verter ao medio, e disporá dun alivio e dunha condución de baleirado, que funcionará por gravidade e se conectará á rede actual, conducindo o caudal ata a depuradora de Lalín.


Ethel Vázquez precisou que para ese baleirado por gravidade instalarase unha válvula, en cámara semiseca, que limitará o caudal máximo de entrada na depuradora. A conselleira sinalou que se terá en conta o caudal máximo da futura ampliación da planta de tratamento, que será obxecto dun proxecto independente para que poida xestionar os volumes de auga residual retidos con episodios de choiva. A conselleira destacou que as obras licitadas inclúen un sistema de desodorización innovador que evitará molestias na contorna do tanque de tormentas.

Ademais, subliñou o proxecto de integración paisaxística incluído nesta infraestrutura hidráulica, para o que se realizará unha plantación de árbores autóctonas na contorna, que contribuirán a manter este espazo de uso e desfrute dos veciños que xa hai aquí a carón do río Pontiñas.T amén, engadiu, aproveitarase a superficie de formigón do tanque de tormentas para desenvolver o ‘Parque do cocido’, un espazo de ocio infantil con elementos de xogo inspirados neste emblema da vila, de acordo cunha iniciativa promovida polo Concello desde hai tempo.


Zona de xogos

Ethel Vázquez detallou que se creará unha zona de xogos con tiroliña; un túnel de rede con forma de chourizo; unha gaiola de rede tamén con forma de porco no que os nenos poderán practicar diferentes actividades no seu interior: xogos de pelota, labirinto, paredes trepadoras, redes, tobogán. Finalmente, para acceder ao tanque construirase un pequeno viario de 3 m de ancho, ao que se accederá polas sendas do parque do río Pontiñas polas que agora mesmo, só circulan os vehículos de mantemento do parque e que servirán tamén para o mantemento do tanque.


As obras contarán co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page