top of page

"Lamentamos que o goberno rexeitase meter no orzamento de 2023 a 2ª fase do saneamento da Castañeda"

4 mar 2023
2 min de lectura

O plan integral de arranxo de pistas das parroquias, o arranxo do “Chiringuito” de Ribadiso así como da contorna da Área Recreativa foron outras das propostas do BNG arzuán


Ecos da Comarca/Arzúa

O voceiro municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, referiuse onte á aprobación do orzamento municipal para o ano 2023, aprobado polo Pleno do Concello de Arzúa na tarde do xoves 2 de marzo. Desde o BNG amosaron a súa sorpresa “xa que este goberno municipal, malia ter maioría absoluta, foi incapaz de elaborar os orzamentos nos dous anos anteriores. Agora, a poucos meses das eleccións municipais aproban en solitario un orzamento que chega con moito retraso e que é pura propaganda electoral,” sinala Carril.

Lucía López e Xoán Xesús Carril, concelleiros do BNG de Arzúa na Área Recreativa de Ribadiso.

Unha aprobación do orzamento que contou só cos votos favorables da equipa de goberno “pois non tiveron sequera vontade de incorporar ningunha proposta das que realizamos as demais forzas políticas,” explica o portavoz nacionalista. “Desde o BNG propuxemos dotar economicamente a segunda fase do saneamento na parroquia da Castañeda, tendo en conta que sería a continuación das obras que se están a realizar actualmente e o custe é perfectamente asumible. Lamentablemente o goberno de José Luís García rexeitou a proposta” explicou Carril.


Desde a organización nacionalista rexistraron outras propostas para incorporar ao orzamento, entre elas contemplaban “un plan integral de arranxo de pistas das parroquias, o arranxo do “Chiringuito” e da contorna da Área Recreativa de Ribadiso, a automatización do acceso ás infraestruturas deportivas (pavillóns, pistas de pádel etc.) o arranxo do aparcadoiro público do Multiusos coa instalación dun sistema de acceso e peche intelixente ou o arranxo da contorna da feira e dos edificios” explicou Carril.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

“Todas elas eran propostas razonables e necesarias, actuacións que levan moito tempo esperando e que son demandadas pola veciñanza, e aínda así o goberno de José Luís García optou por rexeitalas. Desde o BNG seguiremos traballando para que estas e outras moitas actuacións que Arzúa tanto precisa se fagan realidade a partir das vindeiras eleccións municipais de maio da man do BNG” concluíu o portavoz municipal do BNG.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page