Lalín repartirá 650 euros en premios no seu segundo Concurso Virtual de Disfraces
A localidade acollerá polo Entroido unha programación segura e reducida que incluirá distintas iniciativas
Laura Moure/Lalín
O Concello de Lalín levará adiante unha programación segura e reducida de Entroido, en vista da situación sanitaria, adaptando o tradicional Concurso de Disfraces a unha versión virtual do mesmo, de modo que se manteña o espírito de Carnaval en seguridade e sen aglomeracións.
Deste xeito, o Concello promove o 2º Concurso Virtual de Entroido aberto á participación de calquera persoa así como unha programación de pasarrúas durante os días de Carnaval, de acordo co seguinte programa:
Sábado 26 de febreiro
12 horas: Concerto Itinerante Batukada
18 horas: Charanga Leña Verde
Domingo 27 de febreiro
12.30 horas: Animación de rúa de Cabezudos
Luns 28 de febreiro
12 horas: Espectáculo Funky Party
18 horas: Charanga Os Verbeneros
Martes 1 de marzo
12 horas: Animación de rúa Zancudos Psycodelia
Bases do certame
Poderán participar todas as persoas interesadas, ben a título individual, ben en grupos de conviventes (considerarase grupo a partir de dúas persoas). Os/as menores de idade deberán contar coa autorización do pai, nai ou titor/a legal.
A temática dos disfraces será libre. O xurado valorará principalmente a orixinalidade e a elaboración propia dos disfraces.

As inscricións ao concurso realizaranse a través dun formulario en liña que está dispoñible na páxina de Facebook do Concello de Lalín: https://www.lalin.gal/axudas-premios-e-bolsas ou en https://www.lalin.gal/documents/34907/0/Bases+do+II+Concurso+Virtual+de+Disfraces+Concello+de+Lali%3Fn+con+logo.pdf/90957cdd-1dd6-39be-b804-3a23fe37fbec?t=1643960395755
O prazo para enviar o formulario de inscrición rematará o martes 1 de marzo ás 15:00 horas.
Cada participante só poderá participar nunha única categoría. Unha vez recibidas as fotos dos disfraces a concurso, estas subiranse ao Facebook do Concello de Lalín e poderán ser votadas polo público marcando un like á opción escollida.
O prazo para poder votar os disfraces a concurso rematará o xoves 3 de marzo ás 23:55 horas.
O xurado outorgará os seguintes premios:
Categoría individual adultos: vale de compra de 150 euros.
Categoría individual infantil (ata 13 anos): 3 premios de 50 euros en vales de compras.
Categoría familia-grupo convivente: 2 premios de 100 euros en vales de compras.
Ademais, outorgaranse outros dous premios, escollidos por votación entre as fotos dos disfraces a concurso subidas na páxina de Facebook do Concello de Lalín:
Premio disfraz de familia-grupo convivente máis votado (a partir de dúas persoas): vale de compra de 100 euros.
Premio disfraz individual Máis Votado: vale de compra de 50 euros.
Unha vez identificadas as persoas gañadoras, convocarase a todas elas para facerlles entrega dos vales coas cantidades correspondentes, a consumir no comercio local de Lalín no prazo non superior a tres meses.
A Concellería de Cultura resérvase o dereito de realizar os cambios oportunos que poida considerar necesarios para o correcto desenvolvemento do concurso. As presentes bases estarán suxeitas a calquera modificación que sexa preciso para atender ás circunstancias sanitarias do momento.
A participación no concurso implica a aceptación da presentes bases e autoriza a publicación das imaxes dos disfraces a concurso por parte da organización.








Comentarios