Lalín contará cunha vivenda de alugueiro accesible dentro das 104 que CASA 47 incorpora a Galicia
As solicitudes poderán presentarse ata o 26 de novembro
Laura Moure/Lalín
A Entidade Estatal de Vivenda e Solo, CASA 47, incorporou ao seu portal un total de 104 vivendas de alugueiro accesible en Galicia: 27 na provincia da Coruña, 67 na de Lugo e 10 na de Pontevedra, entre elas unha en Lalín. As vivendas dispoñen dunha superficie que oscila entre os 45 e os 121 metros cadrados, mentres que as mensualidades varían entre os 350 e os 681 euros.
Así da provincia da Coruña figuran: 3 en Ares, 1 en Arteixo, Cedeira e Ferrol, 4 en Malpica de Bergantiños, 8 en Miño e 9 en Teo. Na provincia de Lugo hai 67, a totalidade en Monforte de Lemos e na de Pontevedra, 1 en Lalín e 9 en Poio.

Esta oferta forma parte dunha nova convocatoria na que o Portal de CASA 47 incorpora 442 novas vivendas de alugueiro accesible en seis comunidades autónomas: Rexión de Murcia, Galicia, Comunidade Valenciana, Cataluña, Castela-A Mancha e Principado de Asturias. Estas súmanse ás 807 vivendas incluídas en convocatorias anteriores. Ademais, antes de que remate o ano está previsto incorporar ao portal outras mil vivendas.
Condicións xerais
As inscricións poderán formalizarse desde este sábado, 7 de novembro, ata o 26 de novembro. Os detalles están dispoñibles no Portal de CASA 47. As persoas interesadas terán á súa disposición unha ficha individual de cada vivenda, con fotografías e localización, o prezo mensual do alugueiro e a renda anual da unidade básica de convivencia que pode acceder a ela. Tamén se poderá cubrir o formulario de solicitude de maneira telemática.
PUBLICIDADE
O contrato poderá ter unha duración de ata 75 anos, cun período inicial de alugueiro de 14 anos e prórrogas automáticas de sete anos, sempre que se manteña a maior parte das condicións.
Para acceder a estas vivendas, as unidades de convivencia non poden ter ningunha vivenda en propiedade e deben contar cuns ingresos conxuntos de entre dúas e 7,5 veces o IPREM.
As rendas mensuais estableceranse tomando como referencia o límite fixado pola comunidade autónoma e nunca superarán o 30 % da renda media do municipio.
Proceso de adxudicación das vivendas
As vivendas asignaranse mediante un sorteo ante notario, no que se elixirá ao azar un número de solicitude a partir do cal se ordenarán o resto das solicitudes. A cada unidade de convivencia asignaráselle a primeira vivenda dispoñible da súa listaxe de inmobles solicitados.
PUBLICIDADE
Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, a vivenda adxudicarase de maneira provisional e as persoas beneficiarias poderán visitala. Se o inmoble se adapta ás necesidades da unidade de convivencia, procederase á sinatura do contrato de alugueiro e á entrega das chaves.
Sobre CASA 47
CASA 47 é a Entidade Estatal de Vivenda e actúa ao longo de todo o ciclo residencial, desde a disposición e urbanización dos terreos ata a construción, entrega das chaves e xestión das vivendas, asumindo así a xestión integral do parque estatal de vivenda accesible.









Comentarios