'Lalín con arte' programa 8 exposicións ao longo de 2026
- Laura Moure

- hace 14 horas
- 3 Min. de lectura
O calendario inclúe oito exposicións, combinando proxectos individuais, mostras colectivas, encontros internacionais e propostas de forte contido artístico e social
Laura Moure/Lalín
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, presenta “Lalín con Arte 2026”, unha ambiciosa programación expositiva que se desenvolverá ao longo de todo o ano en dous espazos culturais clave do municipio: o Museo Municipal Ramón Mª Aller e o Pazo de Liñares. O calendario inclúe oito exposicións, combinando proxectos individuais, mostras colectivas, encontros internacionais e propostas de forte contido artístico e social.
A programación iniciouse o 16 de xaneiro no Museo Municipal Ramón Mª Aller coa exposición “Antón Sobral: o silencio da mar”, que pode visitarse ata o 28 de marzo. A mostra do artista multifacético Sobral, comisariada por Antón Castro, propón unha reflexión plástica arredor da paisaxe mariña, o silencio e a materia, desde unha linguaxe pictórica profundamente evocadora.

O 14 de febreiro inaugurouse EmporcARTE, exposición colectiva que reúne medio cento de obras relacionadas coa Feira do Cocido con diversidade de técnicas, que permanecerá aberta ata o 18 de abril, ofrecendo ao público unha visión contemporánea e alternativa da expresión artística.
No Pazo de Liñares, entre o 28 de febreiro e o 14 de marzo poderá visitarse “Converxencias”, unha exposición colectiva comisariada por Antonio Fondevila, coa participación do grupo Grisalla, que reúne artistas de linguaxes diversas arredor da idea da grisalla como xesto inicial da creación.
A idea da grisalla, entendida como o primeiro xesto pictórico e o xerme da creación, serve de fío condutor dunha exposición que pon en valor o diálogo artístico, o respecto pola singularidade de cada obra e a riqueza da diversidade creativa.
Publicidade
Do 3 de abril ao 15 de xuño, o Museo Aller acolle Tareixa Taboada, “ZEIT”, unha exposición que parte do tempo como experiencia vital e colectiva. A través de instalacións, escultura e videocreación, a artista propón un discurso expresionista e visceral sobre a deshumanización da sociedade contemporánea, o poder, a perda e a identidade, cun marcado compromiso crítico e artístico.
A programación continúa o 19 de xuño con Ramiro Cimadevila, “Os meus camiños. Amor, arte e decadencia”, aberta ata o 17 de agosto. Trátase dunha escolma de máis de vinte obras pictóricas que dialogan cos camiños peregrinos a Compostela e cos camiños vitais do propio artista, nun proxecto itinerante que medra con cada nova sede incorporando obras inéditas.
Entre o 21 de agosto e o 19 de setembro poderá visitarse a “Colectiva Algarabía”, unha exposición organizada pola Asociación Cultural O Naranxo, que reúne artistas locais de distintas disciplinas como pintura, fotografía ou gravado, apostando pola diversidade creativa e polo talento da contorna. A exposición convértese nun espazo de encontro entre diferentes linguaxes plásticas, favorecendo o diálogo e a convivencia de estilos, ao tempo que reforza o tecido cultural local e asociativo.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Do 25 de setembro ao 16 de novembro, Lalín acolle “Os monos de Laxeiro”, unha exposición comisariada por Javier Pérez Buján e producida pola Fundación Laxeiro. A mostra recolle por primeira vez a totalidade do traballo gráfico xuvenil do artista entre 1928 e 1929, con viñetas e debuxos para a prensa que revelan o talento precoz e a mirada crítica dun Laxeiro moi novo, fortemente vencellado a Lalín e á bisbarra do Deza, nunha faceta pouco coñecida do artista. Son debuxos que amosan a curiosidade, o humor e o talento precoz dun artista fundamental da vangarda galega.
A partir do 20 de novembro e ata finais de ano, o Museo Aller acolle a “XVII Xuntanza Internacional das Artes A Solaina de Piloño”, unha mostra vinculada ao histórico encontro promovido pola Fundación Paco Lareo, que desde hai máis de tres décadas aposta pola creación artística no rural galego e polo diálogo entre creadoras e creadores de distintos puntos do Estado e do estranxeiro.
Publicidade
A todas estas exposicións únense as exposicións permanentes Museo do Xoguete-Colección A. Chaves e a colección de Títeres de Galicia, a sala Loriga, as tres no Pazo de Liñares, e tamén as dúas permanentes de Laxeiro e de Ramón Mª Aller, no Museo Municipal.
Con Lalín con Arte 2026, o Concello reafirma o seu compromiso coa cultura, a creación contemporánea e a dinamización dos espazos expositivos municipais, ofrecendo á cidadanía e ás persoas visitantes unha programación continuada, diversa e de calidade ao longo de todo o ano.








Comentarios