Lalín acollerá o 13 de abril a primeira xornada de divulgación arredor da eclipse de agosto
- Laura Moure

- hace 3 horas
- 3 Min. de lectura
É unha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia que conta coa colaboración do Concello e que busca ofrecer ao sector turístico e á prensa local toda a información práctica necesaria para afrontar este fenómeno
Laura Moure/Lalín
A Axencia Turismo de Galicia aposta por Lalín como un dos puntos claves en Galicia do eclipse coa organización, o vindeiro 13 de abril, da primeira xornada de divulgación arredor da eclipse, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello e que busca ofrecer ao sector turístico e á prensa local toda a información práctica necesaria para afrontar este fenómeno con preparación, rigor e capacidade de difusión.
A concelleira Begoña Blanco puxo o acento no papel de Turismo de Galicia como promotor da actividade e agradeceu que se teña contado con Lalín para acoller esta proposta. “Desde o Concello queremos poñer en valor o traballo da Axencia Turismo de Galicia, que é quen organiza esta xornada e quen impulsa unha iniciativa de enorme interese desde o punto de vista divulgativo e tamén turístico, contando ademais coa colaboración do Concello de Lalín como destino Starlight”, sinalou.

A responsable municipal incidiu en que esta colaboración institucional permite seguir reforzando o posicionamento de Lalín como un territorio preparado para desenvolver actividades vinculadas á astronomía, á observación do ceo e á divulgación científica. “Para nós é moi importante que Lalín forme parte desta acción promovida por Turismo de Galicia, porque supón un recoñecemento ao traballo que se vén facendo e ao potencial que ten o noso concello neste ámbito e en concreto coa xornada da eclipse do 12 de agosto”, indicou.
Begoña Blanco explicou que a xornada está deseñada co obxectivo de que o sector turístico e a prensa local dispoñan da maior cantidade posible de información útil e práctica sobre a eclipse, de xeito que logo poidan trasladala con claridade aos visitantes, aos clientes e á propia cidadanía. “É unha proposta pensada para que o coñecemento chegue da maneira máis útil posible a quen despois vai estar en contacto directo co público, e nese sentido cremos que vai ser unha xornada moi proveitosa”, apuntou.
A edil lembrou que a presentación oficial da xornada terá lugar ás 11:00 horas e contará coa participación conxunta do director de Turismo de Galicia e do alcalde de Lalín, o que, ao seu xuízo, evidencia a relevancia da iniciativa e a coordinación entre administracións para sacar adiante unha acción de interese para o municipio e para o sector.
PUBLICIDADE

En canto ao desenvolvemento da xornada, Blanco explicou que o programa comezará ás 9:00 horas coa benvida da Concelleira de Turismo de Lalín, responsable do Destino Starlight. Entre as 9:15 e as 11:00 horas terá lugar a charla-coloquio “Astronomía básica dunha eclipse e observación segura”, impartida por Begoña Estévez e Antonio Pazos.
Despois da presentación institucional e dun breve descanso, a actividade continuará entre as 11:35 e as 12:35 horas coa sesión “Fotografía da eclipse”. Xa de 12:45 a 14:00 horas desenvolverase a mesa redonda “Implicacións sociais da eclipse”, na que está prevista a participación do profesor Docobo, dun ou dunha representante do Clúster de Turismo de Galicia no territorio, dun ou dunha xornalista e dun ou dunha representante do Concello de Lalín como destino Starlight, que podería actuar como moderador ou moderadora.
Publicidade
A programación completarase pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, coa práctica de fotografía da eclipse e observación solar, así como cun simulacro da eclipse, antes do peche final da xornada, previsto para as 19:00 horas.
Begoña Blanco tamén apuntou que o número de asistentes está prefixado en 50 persoas, atendendo especialmente ás necesidades da parte práctica de observación. “Buscouse un formato que permita un bo aproveitamento dos contidos e que garanta tamén que a parte práctica poida desenvolverse nas mellores condicións”, sinalou.
Por último, a concelleira reiterou o agradecemento á Axencia Turismo de Galicia pola organización desta iniciativa e subliñou a disposición do Concello de Lalín para colaborar en todo aquilo que contribúa a fortalecer o destino. “Desde o Concello imos seguir traballando para apoiar accións coma esta, que axudan a proxectar Lalín, a reforzar o noso posicionamento como destino Starlight e a xerar novas oportunidades arredor dun recurso tan valioso como é o noso ceo”, concluíu.







Comentarios