top of page

Julio Pedreira, José Pampín, Divina Sánchez e Victoria Alonso, homenaxeados na cita de maiores de Cruces

Ilusión e encontros foron as sensacións compartidas polos máis de 500 veciños e veciñas que se reuniron nas Ínsuas de Gres


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces celebrou onte a súa tradicional xuntanza das persoas maiores nas Ínsuas de San Ramón, na parroquia de Gres. Máis de medio millar de persoas reuníronse neste trixésimo terceiro encontro popular para compartir unha xornada de festa á que asistiron o alcalde, Luís Taboada, e outros membros da corporación municipal.

Nunha das citas máis especiais e emotivas do calendario municipal, o alcalde de Cruces, Luís Taboada destacou o orgullo que sinte de poder estar na festa con toda a veciñanza de máis idade, “compartindo lembranzas, alegrías e bos momentos con quen foron e seguen sendo exemplo de entrega, esforzo e sabedoría”. O alcalde engadiu que foi “unha xuntanza de confraternidade e un sentido momento para fomentar o estímulo comunitario”, particularmente importante nas aldeas e parroquias.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A xuntanza comezou coa actuación musical de Carlos Manteiga. De seguido, foi hora de sentarse para gozar dun xantar tradicional galego, con empanada, polbo, carne ao caldeiro, sobremesa, bebida e café, cunha taza conmemorativa da festa de agasallo para todos os participantes, baixo a sombra dunha carpa.


Tralo xantar, deuse paso a unha homenaxe aos homes e mulleres de máis idade. As persoas homenaxeadas foron: Julio Pedreira Sanmiguel, de 96 anos e natural de Larazo; José Pampín Fondevila, de 95 anos e natural de Toiriz; Divina Sánchez López, de 93 anos e natural de Cumeiro; e Victoria Consuelo Alonso Fernández, de 92 anos, natural da parroquia de Larazo. O alcalde, que lles fixo entrega do recoñecemento –un reloxo de pulseira e un ramo de flores para Julio e Divina; e bombóns e flores para José e Victoria Consuelo–, sinalou que “as persoas que deixaron pegada no noso camiño foron as maiores, que loitaron para que nós chegáramos ata onde estamos hoxe”. Tamén se festexou o aniversario de Manuel Duarte, natural de Brandomés, que cumpriu hoxe 80 años soprando as veas na xuntanza e recibindo un agasallo de mans do alcalde.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A xornada continuou cun sorteo de agasallos. Seis das persoas maiores que asistiron á xuntanza leváronse para a casa unha cesta de produtos artesanais, algúns deles produtos cárnicos da granxa CMF Celtaporc, da súa carnicería, e do obradoiro Orixes Galegas, situado en Camanzo. Finalmente, púxose o broche de ouro á xuntanza cunha sesión de baile moi animada.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page