top of page

Julio Abalde coordina con Carnota, Tordoia, Dumbría, A Laracha e Melide oo perativo especial para a eclipse

Melide habilitará como punto principal de observación a rúa Circunvalación da Feira, cunha capacidade estimada para 1.000 persoas

Laura Moure/Silleda

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, presidiu onte na Subdelegación do Goberno as xuntas extraordinarias de seguridade convocadas para os concellos de Carnota, Tordoia, Dumbría, A Laracha e Melide, co obxectivo de coordinar o dispositivo

especial previsto con motivo da eclipse de sol do vindeiro 12 de agosto, un acontecemento astronómico histórico que converterá Galicia nun dos mellores

lugares do mundo para a súa observación.


Nas reunións participaron representantes da Subdelegación do Goberno na Coruña, Protección Civil da Coruña, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e da Policía Nacional Adscrita, así como representantes dos distintos concellos, para avanzar nunha planificación coordinada entre todas as administracións.

Durante as xuntas, Julio Abalde puxo en valor o traballo de coordinación que se está a desenvolver entre as distintas administracións para afrontar con garantías un acontecemento que prevé unha elevada afluencia de visitantes. O subdelegado destacou que a planificación anticipada “é fundamental para ofrecer unha resposta eficaz en materia de seguridade, mobilidade e atención ás emerxencias”, co obxectivo de que a cidadanía “poida desfrutar deste fenómeno excepcional con todas as garantías”.


Dos cinco concellos participantes, Tordoia, A Laracha e Melide situaranse dentro da franxa de totalidade da eclipse, mentres que en Carnota e Dumbría a observación será parcial.


En Melide habilítase como punto principal de observación a rúa Circunvalación da Feira, cunha capacidade estimada para 1.000 persoas. O Concello tamén definiu varios puntos de exclusión para a observación por motivos de seguridade, entre eles o aparcadoiro da rúa México, o Parque, a área de autocaravanas, a área recreativa de Furelos, o aparcadoiro da avenida da Habana, a contorna da capela do Carme, as canchas deportivas da rúa Bernardo Somoza e o campo de fútbol municipal.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Un operativo adaptado á elevada afluencia prevista

Durante as reunións avaliáronse os principais desafíos que suporá a elevada mobilidade prevista para esa xornada, incidindo especialmente na coordinación entre administracións, a regulación do tráfico, a seguridade cidadá, a protección civil e a capacidade de resposta ante posibles incidencias. Tamén se revisaron un a un os puntos de observación propostos polos concellos para comprobar a súa adecuación e as necesidades de cada emprazamento.


No ámbito da mobilidade, a Garda Civil de Tráfico reforzará o dispositivo nas estradas da provincia mediante un incremento dos efectivos, que se despregarán de maneira flexible en función da evolución do tráfico e das necesidades detectadas ao longo da xornada.


Galicia, protagonista do primeiro eclipse do Trío de Eclipses

A eclipse total do 12 de agosto será a primeira do denominado “Trío de Eclipses 2026-2027-2028”, unha sucesión de tres fenómenos astronómicos visibles desde España que converterán o país no principal destino mundial para a súa observación durante tres anos consecutivos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Espérase a chegada de milleiros de visitantes nacionais e internacionais, atraídos por un fenómeno que poderá contemplarse en condicións privilexiadas desde boa parte de Galicia.


Segundo o Instituto Xeográfico Nacional, 59 dos 93 concellos da provincia da Coruña quedarán dentro da franxa de totalidade, mentres que os 34 restantes observarán unha eclipse parcial. No conxunto da comunidade galega, preto do 56% do territorio poderá contemplar a totalidade.


O fenómeno comezará arredor das 19:31 horas, alcanzará a totalidade ás 20:28 horas e finalizará ás 21:22 horas, cunha duración próxima á hora e cincuenta e un minutos.


Ao producirse ao solpor, ofrecerá condicións excepcionais para a observación e a fotografía. Ademais, poucas horas despois terá lugar o máximo anual da choiva de estrelas das Perseidas, incrementando aínda máis o atractivo científico e turístico da xornada.


Recomendacións para unha observación segura

Durante as xuntas lembrouse a importancia de observar a eclipse con todas as garantías de seguridade para evitar lesións oculares. As autoridades insisten en que non debe mirarse nunca directamente ao Sol sen protección homologada. É imprescindible utilizar gafas específicas para eclipses que cumpran a norma ISO 12312-2:2015, conten con marcado CE auténtico e indiquen claramente o fabricante e as instrucións de uso.


Mesmo empregando estas lentes, recoméndase realizar observacións inferiores a un minuto cada vez e cun tempo máximo acumulado de tres minutos.

 PUBLICIDADE

Contacta con nós!
Contacta con nós!

Planificar con antelación os desprazamentos

As administracións tamén apelaron á colaboración da cidadanía para organizar con tempo os desprazamentos cara aos distintos puntos de observación. Prevese unha elevada intensidade de tráfico antes e despois da eclipse, especialmente nos accesos ás zonas costeiras, miradoiros e espazos naturais, polo que se recomenda evitar viaxes innecesarias, seguir as indicacións das autoridades e conducir con especial precaución durante os momentos de escuridade.


Ao coincidir coa época de maior risco de incendios forestais, tamén se fixo un chamamento á responsabilidade para respectar as restricións de acceso aos espazos naturais e extremar as medidas de prevención.


Información oficial

Toda a información relativa aos horarios, mapas de visibilidade, recomendacións de seguridade, recursos divulgativos e ferramentas de planificación pode consultarse na páxina oficial do Trío de Eclipses 2026-2027-2028: https://www.trioeclipses.es.


O Goberno de España tamén puxo á disposición da cidadanía un visor web para dispositivos móbiles que permite localizar os mellores puntos de observación segundo a posición do Sol e as condicións do terreo, facilitando a preparación desta cita astronómica histórica.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page