Jesús Sánchez Lamas, veciño de Rodeiro, celebra os seus 100 anos!
- Laura Moure

- hace 9 minutos
- 2 min de lectura
Un século de vida marcado polo traballo, a bondade e as ganas de seguir adiante
Laura Moure/Rodeiro
Jesús Sánchez Lamas, veciño de Rodeiro, celebrou este sábado unha xornada moi especial, rodeado de familiares e amigos, porque acaba de cumprir 100 anos!! Un século de vida no que non faltaron o esforzo, as perdas e os momentos difíciles, pero tampouco a alegría, a honestidade e o cariño das persoas que o rodean.

Jesús naceu en Cristimil, na parroquia rodeirense de San Cristovo do Az, o 26 de agosto de 1926, sendo o maior de cinco irmáns. Tal e como nos conta o seu neto, tiña apenas 14 anos cando perdeu o seu pai, unha circunstancia que o obrigou a asumir responsabilidades demasiado cedo e a facerse cargo da familia. Desde entón, o traballo e o sacrificio converteríanse en dous compañeiros inseparables ao longo da súa vida.
Home traballador e incansable, estivo 30 anos de caseiro na Coruña, onde permaneceu ata 1992. Foi entón cando decidiu regresar á súa terra, a Camba, a ese lugar onde nacera e ao que sempre estivo profundamente unido.
PUBLICIDADE
Alí compartiu a súa vida con Esther, unha veciña coa que formou unha parella inseparable ata o ano 2024. Xuntos construíron unha vida marcada pola sinxeleza, o traballo e o compañeirismo.
Jesús e Esther tiveron unha filla, pero a vida reservoulles un dos golpes máis dolorosos que pode afrontar uns pais: ter que despedila en 2021.
Foi unha perda enorme, pero Jesús atopou a forza para continuar. E hoxe, aos 100 anos, segue vivindo só por decisión propia, demostrando que a idade non lle roubou as ganas de valerse por si mesmo. “E ben que se defende!”, conta o seu neto.

A súa historia é a dun home que atravesou un século de cambios, que traballou desde moi novo, que coñeceu o amor, a felicidade e tamén a dor, e que, pese a todo, conserva intacta unha maneira de vivir baseada "na honestidade, a bondade e a alegría", tal e como destaca con orgullo o seu neto.
Cumprir 100 anos non é só chegar a unha cifra. É gardar na memoria un século enteiro de historias, persoas, lugares e experiencias. É ter vivido unha parte fundamental da historia da nosa terra e ser testemuña de como mudou o mundo ao longo de dez décadas.
PUBLICIDADE
E Jesús Sánchez Lamas chega a ese século de vida cunha lección que probablemente sexa a máis valiosa de todas: seguir adiante, mesmo cando a vida obriga a comezar de novo.
Parabéns, Jesús, polos teus 100 anos e por toda unha vida que merece ser contada!








Comentarios