top of page

Jesús Faílde Oro: "A día de hoxe sigo levando unha cámara no peto e non perdo ocasión de usala"

13 jul 2022
4 min de lectura

Dende onte ata o 12 de agosto pode verse a súa exposición fotográfica dos anos 50 e 60 en tres Pendellos de Agolada


Laura Moure/Agolada

Dende onte, martes 12, tres Pendellos de Agolada son o escenario dunha magnífica exposición de fotografía de Jesús Faílde Oro, que naceu en Friúfe - Merlín (Agolada) no ano 1936. Esta mostra, que leva por título Memoria gráfica das xentes de Agolada (1950-

1960) poderase visitar ao longo dun mes na Casa Museo, no Pendello Comedor e na Capela das Virtudes. José Caruncho é o fotógrafo e comisario da exposición.


Terá horario fixo os luns, mércores e venres desde as 11:00 ás 13:00 horas e fóra destas datas ou deste horario haberá que demandalo no propio Concello desde as 9:30 ás 13:30 horas. Estará ata o 12 de agosto incluído.


O acto de inauguración, ao que asistiu unha trintena de persoas, comezou coa música do

acordeón de Carlos Ramos, de Agolada, máis coñecido como Carlos de Cabanelas, que foi o encargado de amenizar a cita. Estiveron presentes Jesús Faílde, o autor das fotografías expostas, a súa muller Manolita Picallo e a súa filla Raquel; o alcalde de Agolada, Luis Calvo; Marcelino Fernández, xerente do Consello da Cultura Galega; e Manuel Busto e Jaime Varela, ambos do colectivo Baluarte dos Pendellos, quen promoveu esta mostra, en colaboración co Concello.

Hoxe fíxose realidade unha iniciativa que levaba moito tempo en marcha e que se viu paralizada por mor pandemia. Hai xa seis anos que o colectivo Baluarte dos Pendellos iniciou este proxecto. Foi precisamente gracias ao Colectivo Baluarte que Faílde cedese o seu arquivo fotográfico ao Consello da Cultura Galega e poder así hoxe desfrutar desta mostra. "Todas estas imaxes teñen un valor incalculable porque forman parte da historia de moitos veciños, e por suposto, do noso pobo. Son fotografías que perduran no tempo e que nos permiten dar unha ollada para saber máis dos nosos antepasados e das nosas raíces, que xamais debemos esquecer, porque somos o que somos gracias a eles. É unha honra poder acoller esta colección tan importante no noso enclave histórico. Así que gracias ao artífice das mesmas, Jesús Faílde, pero tamén ao colectivo Baluarte dos Pendellos, especial a Manuel Busto por loitar polo Pendellos e por recuperar a súa esencia con iniciativas coma estas", indicou Calvo.

Preme na imaxe se quere contactar connosco!

Pola súa banda, Marcelino Fernández tras facer un percorrido por todos os pasos para chegar a esta exposición, quixo agradecer a Faílde "a confianza que depositou no Consello para conservar a memoria das súas imaxes". E incidiu en que "como indica Manuel Busto no seu blog, converteuse en notario dunha época e especialmente da súa aldea natal Friúfe e do seu arredor. As súas fotografías son hoxe un referente estimable e que moitas persoas temos que valorar, porque ademais teñen un gran valor artístico”. E engadiu que “as persoas somos as protagonistas das súas fotografías, que como podemos ver, en todas aparece unha. Así mesmo, en todo momento se está buscando ás persoas cunha dignidade persoal e humana moi coidada. E non son imaxes espontáneas, senón que hai unha total escenificación. Son poses que Jesús está buscando do que quere transmitir e o realismo delas permítenos achegarnos a esa época". Así mesmo, Fernández avanzou que hai un compromiso co colectivo para que os rapaces do colexio de Agolada poidan traballar sobre estas instantáneas "para comprender de onde vimos e a onde vamos".


Seguidamente, tivo a palabra o protagonista, Jesús Faílde. "Os Pendellos de Agolada son un marco incomparable para esta mostra. Teñen un especial significado porque me fan recordar que tivo a miña nai un posto fixo os días 12 de cada mes. Transportaba a mercadoría dende Friúfe nun carro de vacas”. Despois, aproveitou o seu discurso, para botar a ollada atrás e falar da súa vida e tamén do seu primeiro contacto coa fotografía e a súa aprendizaxe. “Nacín en plena Guerra Civil, pero conservo o recordo de haber tido unha infancia moi feliz”. E como non, falou da súa primeira instantánea que lla fixo aos seus primos durante a festa patronal de Val, e de feito, é unha das fotografías desta exposición.


Ademais, confesou que a día de hoxe segue levando unha cámara no peto “e non perdo ocasión de usala se hai un motivo que o requira”.


40 imaxes

Pola súa banda, Xaime Varela, definiu esta exposición de “legado marabilloso, que creo que só é o 1% do que ten e foi moi difícil escoller as 40 fotos porque elixiriamos 120 seguramente porque son marabillosas”. Así mesmo, indicou que moitas das fotos de Faílde poderían ser fotogramas de calquera película do neorrealismo italiano. “E ademais, en todas as fotos se transmite moitísima alegría a pesar de ser dunha época dunha gran penuria social”. E por último, mencionou a proposta do colectivo Baluarte de poder levar estas fotos a máis lugares.

Mentres, Manuel Busto tamén falou do seu primeiro contacto con Faílde, cando a súa filla

Raquel lle propuxo publicar no seu blog Aquam Latam as fotos de seu pai. “E eu unha foto

sempre a acompaño dun pequeño texto. E todo o que se coñece empézase a valorar e aí foi o comezo de todo isto”. E despois xa se iniciou o trámite co Consello da Cultura Galega dende o colectivo Baluarte dos Pendellos. “A nosa idea e que esta exposición teña unha continuidade noutros lugares, como por exemplo, na Estrada e Pontevedra que son localidades de referencia para Jesús Faílde e familia”, recalcou Busto.


Así mesmo, Busto aproveitou a ocasión para incidir unha vez máis na importancia dos Pendellos e de darlle usos diferentes ao longo de todo o ano. “A min gustaríame que os días de feira, esta estivese tamén dentro dos Pendellos, e non que estean aí sos, porque a feira estivo sempre aí. Todo o que se usa mantense no mellor estado”, subliña. E así mesmo, considera que “os Pendellos comedor son ideais para unha cafetería, un mesón, un restaurante... para que teña vida todos os días”. E tamén alagou o bo facer do comisario José Caruncho.


Tras a intervención de Busto, o xerente do Consello da Cultura Galega informou que as

fotografías de Faílde se poden ver na web desta entidade e despois da proposta de ambos membros de Baluarte avanzou para alegría de todos que “a nosa idea é que a exposición

tamén sexa itinerante e despois dun tempo pola nosa parte, non habería problema en doarlla ben ao colectivo ou ben ao Concello para que forme parte da memoria histórica”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page