top of page

Javier Posse recibe a homenaxe de 300 persoas no Pino despois da súa xubilación como párroco

Foi cura de Budiño e nas parroquias compostelás de Cesar, Marantes, Nemenzo e Verdía


Laura Moure/O Pino

Javier Posse Bouzas non puido conter as bágoas. Aos seus 90 anos, este “humilde cura” recentemente xubilado emocionouse varias veces durante a homenaxe que lle tributaron os que foron os seus fregueses na parroquia de Budiño (O Pino) durante 39 anos, e nas compostelás de Marantes (62 anos), de Nemenzo (61), de Verdía (52) e de Cesar (39).


Unhas 300 persoas asistiron á misa e ao xantar de confraternidade celebrado este domingo na área recreativa da Madalena, “un acto no que celebramos a vida, a dedicación e a humanidade de don Javier”, asegurou o alcalde do Pino. “O afecto de xeracións enteiras conséguese con proximidade, con compromiso e cun profundo amor polas persoas”, afirmou Manuel Taboada.

O cura párroco de Budiño ata novembro do pasado ano “foi un punto de encontro, un mediador, unha fonte de apoio para aqueles que máis o necesitaban. Axudou a fortalecer o

tecido social de Budiño, a manter vivas as nosas tradicións e a lembrarnos o valor da

solidariedade e do respecto”, asegurou Manuel Taboada.


Emotivas foron tamén as palabras de María José Pardal. “Nunca nos deixou sós. Foi o fío

invisible que mantivo unidas varias xeracións das nosas parroquias. É parte da nosa historia, da nosa vida e de cada unha das nosas familias”, asegurou esta veciña de Marantes e integrante da comisión organizadora do acto.


A homenaxe comezou cunha misa na carballeira da Madalena, cantada polo Coro de

Budiño; oficiada polo vicario episcopal Juan González Redondo, e concelebrada polo propio Javier Posse; polo párroco emérito de Lavacolla, Manuel Botana, e por Jhonny Delgado e Randal Pintor, os dous curas que atenden agora as parroquias de Budiño, de Cesar, de Nemenzo, de Marantes e de Verdía.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Manuel Taboada presidiu os actos, aos que tamén asistiron o alcalde de Oroso, Álex Doval;

o portavoz do PP en Santiago, Borja Verea; e o arcipreste de Ferreiros e Sobrado, José

Manuel Recarey. Carmen Posse e Manuel Varela, irmá e cuñado do homenaxeado, estiveron presentes na celebración, así como Manuel Otero, amigo persoal do párroco.


“Hoxe celebramos a vida, a dedicación e a humanidade de don Javier, que sempre estivo

aí, con discreción, con humildade e cunha vocación que transcendeu os muros da igrexa

para formar parte do corazón mesmo desta comunidade”, afirmou Manuel Taboada antes

de entregarlle unha placa conmemorativa ao sacerdote.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O acto estivo organizado por unha comisión formada por dez persoas, dúas de cada unha

das parroquias. María José Pardal e José Fuentes entregáronlle outra placa a Javier Posse e dérolle as grazas “pola súa entrega incansable, polo seu exemplo de vida e por non cansar nunca de estar con nós”.


O director do Coro de Budiño, Miguel Sánchez, entregoulle unha pluma e un bolígrafo e

animou o sacerdote a escribir as súas memorias. Visiblemente emocionando, Javier Posse agradeceu as mostras de agarimo. “Cáenme as bágoas”, asegurou e lembroulle aos presentes que “hai que ser humildes na vida como o foi Xesús de Nazaret”. O cura rexeitou escribir as súas memorias “para preservar a privacidade” de todas as persoas ás que atendeu durante máis de 62 anos de exercicio.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page