top of page

Inauguradas as olimpíadas galegas da FP, GaliciaSkills 2025 que se desenvolven en Silleda

O conselleiro de Educación anímaos a dar o mellor de si mesmos nesta competición, da que sairán os representantes de Galicia no certame nacional SpainSkills 2026


Laura Moure/Silleda

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou onte as olimpíadas galegas da FP, GaliciaSkills 2025, que se desenvolven no recinto feiral de Silleda ata este xoves coa participación de preto de 250 estudantes de 76 centros educativos de toda Galicia. O titular do departamento de ensino da Xunta, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, animounos a dar o mellor de si mesmos nesta competición, da que sairán os representantes de Galicia no certame nacional SpainSkills 2026, que se celebrará en Madrid entre o 24 e o 28 de febreiro do próximo ano.


“Estes días tedes na vosa man poñer de manifesto a enorme calidade das ensinanzas que recibides dos vosos profesores ao longo do ano”, sinalou o conselleiro. “É máis, os que gañedes a medalla de ouro aquí teredes a gran responsabilidade de amosar o potencial da FP galega en Madrid o vindeiro ano”, abondou.

ree

Román Rodríguez felicitou a centros, alumnos e docentes pola súa implicación neste concurso, para o que levan meses preparándose. “A cifra de participantes incrementouse este ano nun 32%, pasando de 184 a 242 estudantes, o que demostra o interese que esperta esta cita e, por suposto, sobe o nivel da competición”.


Así mesmo, o conselleiro agradeceu ás empresas patrocinadoras o seu apoio ao certame, “que é unha boa proba da confianza do tecido produtivo na FP galega”. Son un total de 99 as empresas que patrocinan estas GaliciaSkills 2025, un 30% respecto á edición anterior, con representación de compañías de referencia como Festo, Siemens, Schneider, L’Oréal, Estrella Galicia, elPulpo, DomusVi ou Finsa, entre outras moitas, que ceden materiais, ferramentas e maquinaria para o desenvolvemento das probas.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

36 especialidade

O alumnado participante nesta oitava edición das GaliciaSkills, acompañado por máis de 200 profesores, demostra as súas habilidades en 36 especialidades, das cales 27 entran en competición, seis son de demostración e outras tres están reservadas a estudantes de programas formativos básicos de centros de Educación Especial.


Ademais das probas dos alumnos en áreas como a pintura de vehículos, a panadaría, a ebanistería, a reparación de carrozaría ou a xardinería paisaxística, entre outras,  os visitantes tamén poden poñer a proba as súas habilidades en varias destas especialidades. Para iso, habilitáronse espazos Try a Skill para que o público visitante poida experimentar de primeira man o desenvolvemento de parte das tarefas coas que compiten os estudantes.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O certame está organizado pola Consellería de Educación da Xunta e conta coa implicación na loxística de varios centros de FP. Así, o Centro Integrado de FP Carlos Oroza (Pontevedra) é o encargado de elaborar os menús para os competidores, mentres que o Centro Integrado de FP Manuel Antonio (Vigo) atende a zona de cafetería e o Centro Integrado de FP Fraga do Eume (Pontedeume) ofrecerá o catering posterior ao acto de entrega de premios, que se desenvolverá o vindeiro xoves 30.


Ademais, os centros integrados de FP Imaxe e Son da Coruña e Audiovisual de Vigo ocúpanse da cobertura audiovisual do evento; mentres que outros centros, como o Centro Integrado de FP Leixa (Ferrol), o Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), o Centro Integrado de FP Universidade Laboral (Culleredo), o Centro Integrado de FP A Farixa (Ourense) e o Centro Integrado de FP As Mercedes (Lugo), colaboran na organización de obradoiros dirixidos ao público visitante.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page