top of page

Icomos pide anular os permisos da mina de Touro por risco para o Camiño de Santiago

Ecos da Comarca/Xeral

Un informe do Icomos (Consello Internacional de Monumentos e Sitios), organismo asesor da Unesco en materia de patrimonio cultural, alerta de importantes incumprimentos na tramitación do proxecto para reabrir a mina de Touro-O Pino e reclama a anulación de calquera autorización concedida ata o momento. Segundo revela en exclusiva elDiario.es, a entidade considera que non se realizaron os estudos de impacto patrimonial esixidos sobre o Camiño de Santiago, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco desde 1993.

O documento, datado o 21 de maio, sinala que nin a Xunta, nin os concellos afectados, nin o Estado comunicaron previamente o proxecto á Unesco nin ao propio Icomos, tal e como establecen as directrices internacionais para actuacións que poidan afectar a bens Patrimonio Mundial ou ás súas áreas de protección. O organismo cualifica esta situación de “dato alarmante” e advirte do risco que supón para o Camiño de Santiago.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O informe foi elaborado tras unha consulta realizada polo concelleiro de Medio Ambiente e Camiño de Santiago do Concello de Touro, Darío Rey. O Icomos conclúe que “se incumpriron diferentes determinacións de carácter procedimental, algunhas delas fundamentais” e sostén que as autorizacións concedidas á empresa Cobre San Rafael “deberían anularse” ao non seren consultadas previamente coa Unesco.


Ademais, lembra que as avaliacións de impacto patrimonial deben iniciarse desde o primeiro momento no que se considere que un proxecto pode afectar ao patrimonio e deben contar cun proceso de participación real das comunidades locais, máis alá da simple exposición pública.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

O organismo tamén revela que o pasado 4 de febreiro enviou escritos ás consellerías de Cultura e Economía ofrecendo colaboración para crear unha mesa de traballo coa administración e coa empresa promotora co obxectivo de protexer o Camiño de Santiago.


Icomos xa se pronunciara anteriormente contra proxectos con posible impacto patrimonial en Galicia, como o teleférico previsto entre o centro histórico de Santiago e a Cidade da Cultura, unha iniciativa que finalmente foi descartada tras o rexeitamento da Unesco.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page