Gran afluencia de público nas vodas de prata da Feira da Troita de Sobrado
Laura Moure/Sobrado
O Concello de Sobrado celebrou onte o día grande da súa xa consolidada Feira da Troita, que este ano chegou á súa 25 edición convertida nun evento de referencia na comarca. A celebración fixo achegar ata localidade unha gran afluencia de público e visitantes. Dende a administración local e a organización sinalan que se superaron as previsións iniciais de asistencia, con máis de 6.000 persoas en Sobrado ao longo desta fin de semana, tanto durante o XX Festival Musical e Intercultural da Xuventude do sábado como no día grande da celebración, de onte, domingo.
PUBLICIDADE
A explanada do pavillón polideportivo encheuse o sábado durante o XX Festival Musical e Intercultural da Xuventude, que contou coas actuacións de Nacha Pop e Los Rebeldes, así como da banda coruñesa de indie rock Alga. A música continuou coa discoteca móbil Will. Antes tivo lugar na Praza do Concello o concerto de The Cruze, con versións de pop rock.

Onte tivo lugar a xornada grande da Feira da Troita na Praza do Concello. Desde a mañá, as persoas que se achegan a Sobrado puideron percorrer os postos de artesanía e gastronomía instalados neste espazo, nos que predominan os produtos gastronómicos locais, aínda que tamén hai lugar para a artesanía.
“Un cuarto de século de tradición, de traballo ben feito e de orgullo polo noso rural”
Trala actuación da Agrupación Folklórica Guágaro de Tías, procedente de Lanzarote, tivo lugar o pregón a cargo de Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume, deputado provincial e portavoz do Grupo Socialista na Deputación da Coruña.
Durante o seu pregón, Bernardo Fernández destacou o significado especial desta 25ª edición da Feira da Troita, que definiu como “un cuarto de século de tradición, de traballo ben feito e de orgullo polo noso rural”. Sinalou que, cando unha festa alcanza os 25 anos, “deixa de ser un simple evento para converterse en parte da identidade dun pobo”, e referiuse á Feira da Troita como reflexo da riqueza dos ríos, especialmente do Mandeo, do coidado do contorno natural e da hospitalidade da xente de Sobrado.

Fernández trasladou tamén o recoñecemento da Deputación da Coruña ao esforzo de todas as persoas, asociacións e corporacións locais que, ano tras ano, contribuíron a manter viva a celebración. “Grazas ao voso empeño, hoxe Sobrado é un punto de encontro no mapa gastronómico e cultural de Galicia”, afirmou. O pregoeiro lembrou ademais que, aínda que a troita é a protagonista da xornada, “a verdadeira alma desta festa” é a veciñanza, pola súa maneira de acoller as persoas que visitan Sobrado.
Un ano “especialmente significativo”
Pola súa banda, o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, agradeceu a todas as persoas que se achegaron esta fin de semana á localidade nun ano especialmente significativo no que se celebran os 10 anos da Corretroita, os 20 do Festival Musical e Intercultural da Xuventude e as 25 edicións da Feira da Troita. “Para nós é un orgullo chegar a estas datas e ver a tanta xente desfrutando das diferentes actividades. Dende o Concello seguiremos
traballando e mantendo o noso compromiso coa Feira da Troita”, sinalou.
Santos quixo agradecer tamén a participación do pregoeiro, Bernardo Fernández Piñeiro, así como o traballo de todas as persoas que fan posible a celebración ano tras ano, a implicación da hostalaría e dos negocios locais e, especialmente, o apoio da veciñanza.
PUBLICIDADE
Por suposto, tamén houbo a desgustación da tradicional troita á montañesa, elaborada con
troita frita, pemento picante e liscos e ademais tamén se servíu polbo. O Concello habilitou 700 prazas entre mesas e cadeiras na Praza do Concello. Ademais, os establecementos hostaleiros da vila ofrecen troita á montañesa ao longo da xornada. A sesión vermú correu a cargo de Superstar.
Pola tarde continuou a actividade coa zona de xogos instalada na Vía Sacra, que permaneceu aberta durante catro horas. A programación festiva continuou da man de Señor Mágick DJ, Festicultores Troupe, presente ano tras ano na celebración, e Louband, tamén vello amigo da cita, que levaron a música á Praza do Concello.
Pola noite, na Vía Sacra, foi a quenda de Xascariz, formación de música tradicional galega que combina a esencia das nosas raíces con arranxos e sonoridades contemporáneas.
PUBLICIDADE
A programación alongouse ata a madrugada coa foliada da orquestra Superstar e coa sesión Non Stop de Señor Mágick DJ, que puxeron o peche á programación desta XXV Feira da Troita.
A XXV Feira da Troita está organizada integramente polo Concello de Sobrado, subvencionada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, Xacobeo 2027 e AGADIC. (NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS REPORTAXE AUDIOVISUAL DA CITA).










Comentarios