García traslada ao alcalde de Touro o compromiso para reforzar os recursos de atención aos maiores
- ecosdacomarca

- hace 23 horas
- 2 Min. de lectura
A conselleira aproveitou a ocasión para felicitar ao rexedor pola xestión do Servizo de Axuda no Fogar, cunha ratio de atención que rolda o 100%
Ecos da Comarca/Touro

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde de Touro, Jesús Reboredo, para avaliar o funcionamento dos servizos sociais do deste concello. Durante a xuntanza, trasladoulle o compromiso da Xunta coa atención a todos os maiores e o esforzo da administración para reforzar os recursos nas zonas rurais.
Publicidade
A conselleira tamén tivo ocasión de felicitar ao alcalde de Touro pola xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que conta cunha ratio do 98%, ao tempo que engadiu que grazas ao acordo entre a Xunta e a Fegamp, nos vindeiros anos o Goberno galego inxectará 360.000 euros máis para a prestación deste servizo, o que permitirá – explicou- seguir mantendo as boas cifras e reforzar a atención aos maiores.
Publicidade
Ademais, Fabiola García indicou que o Goberno galego inviste 295.000 euros cada ano neste concello para financiar 59 Bonos coidado no fogar, unha prestación moi demandada polos dependentes galegos para poder ser atendidos na súa casa. Trátase, segundo recalcou, dunha axuda que busca satisfacer a necesidade de moitos maiores de pasar a súa vellez no lugar no que viven. Do mesmo xeito, engadiu que a Xunta tamén financia en Touro 34 prazas públicas de atención residencial e diúrna.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Pola súa parte, o rexedor trasladou á conselleira a necesidade de crear recursos para a atención diúrna aos maiores do municipio. Neste sentido, Fabiola García recomendoulle a posibilidade de solicitar a creación dunha casa do maior, uns servizos impulsados pola Xunta para potenciar a atención nos municipios rurais de xeito gratuíto. Así, explicoulle que nestes momentos Galicia conta con 800 prazas destas características.








Comentarios