Garatuzas de Piloño celebra a fin de curso entre ponis e canoas no encoro de Eiras
Medio centenar de persoas desfrutaron o sábado dunha xornada de pura diversión
e convivencia interxeracional grazas ao programa +Convivencia da Deputación
Laura Moure/Vila de Cruces
A Asociación social e cultural “Garatuzas de Piloño” vivíu este sábado 20 de xuño a súa gran xornada de convivencia familiar para festexar o remate do curso escolar. Baixo o título "Garatuzas viaxa no tempo", un grupo de 50 persoas —unindo a tres xeracións: nenos, pais e avós— trasladouse ata Fornelos de Montes para compartir un día cargado de risas e lecer activo na natureza.

O centro da diversión matinal foi a Granxa Escola O Kiriko. Alí, os máis pequenos cumpriron o soño de montar en poni, mentres que o grupo ao completo compartiu a emocionante experiencia de recorrer o encoro de Eiras en canoa. Esta actividade,
deseñada para todas as idades, permitiu que familias enteiras colaborasen e estreitasen
vínculos nun contorno fluvial único.

Tras o paso pola granxa, o itinerario incluíu unha parada no enclave arqueolóxico de Oitavén. Esta visita permitiu ao grupo coñecer de preto os restos da cultura castrexa,
conectando de xeito breve coas raíces históricas e o tema mitolóxico que a asociación traballou durante todo o curso.
PUBLICIDADE
Para poñer o broche de ouro á xornada do xeito máis refrescante, as familias trasladáronse
á praia fluvial de Fornelos. Neste espazo, veciños e veciñas compartiron a merenda e
momentos de xogo libre, celebrando a unión da comunidade antes de emprender o regreso a Piloño.
Esta iniciativa foi posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa +Convivencia. Desde a asociación salientan que estas experiencias son esenciais para crear comunidade, traballando en equipo no contacto directo co patrimonio
cultural e natural da província.
PUBLICIDADE
Sobre Garatuzas de Piloño Constituída en novembro de 2022, a asociación naceu co obxectivo de dinamizar a parroquia de Piloño (Vila de Cruces). Actualmente conta con 35 familias asociadas e traballa activamente para mellorar as necesidades educativas e lúdicas da infancia a través da convivencia e o respecto polo patrimonio.









Comentarios