Garatuzas, a flote no Grove!: Unha xornada de convivencia interxeracional arredor do mar
- Laura Moure

- 24 jun 2025
- 2 Min. de lectura
Esta asociación cruceña reuniu a 30 nenos e as súas familias nunha actividade centrada no mar e no patrimonio mariñeiro
Laura Moure/Vila de Cruces
A Asociación Garatuzas de Vila de Cruces celebrou este domingo unha exitosa xornada de convivencia interxeracional no Grove, reunindo a 30 nenos e as súas familias nunha actividade centrada no mar e no patrimonio mariñeiro. Baixo o nome Garatuzas, a flote no Grove; esta iniciativa busca fomentar a unión familiar e o respecto pola contorna natural da costa de Pontevedra.

A xornada comezou no Colexio Cerdeiriñas de Piloño, coa presenza da deputada provincial Belén Cachafeiro, quen acompañou os participantes no inicio, entregándolles un agasallo da Deputación de Pontevedra. Dende alí, o grupo embarcouse nun día deseñado para explorar o universo mariño.
A primeira parada foi o Acuario do Grove, onde os participantes non só descubriron os
segredos da vida submarina, senón que tamén tiveron a oportunidade única de tocar
unha estrela de mar, creando un recordo inesquecible. A inmersión no mundo mariñeiro
continuou cun pracenteiro paseo en catamarán pola Ría de Arousa. Durante este
percorrido, os asistentes puideron admirar os fondos mariños grazas ás características do
barco, mentres degustaban deliciosos mexillóns frescos.
Publicidade
Ademais, exploráronse espazos singulares como a enigmática Aldea dos Grobits na Illa
da Toxa, engadindo un toque de fantasía e aventura ao día. O día culminou cun
refrescante chapuzón, poñendo o broche de ouro a unha actividade chea de diversión e
aprendizaxe.
Esta xornada enmárcase na programación anual de Garatuzas, que inclúe diversas accións culturais e lúdicas. Un claro exemplo é a elaboración da carroza e a comparsa do Entroido con temática mariñeiro-pesqueira, todas elas deseñadas para reforzar o vínculo dos nenos co patrimonio cultural e natural ligado ao mar.
Publicidade
A realización desta actividade foi posible grazas ao apoio e ao financiamento do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra, demostrando o compromiso de
ambas as entidades co fomento da convivencia interxeracional e o respecto polo medio ambiente.








Comentarios