top of page

Galicia suma xa 16 xornadas con altas temperaturas e rexistrou o segundo xuño máis cálido desde 1961

Hoxe reunirase a Oficina Técnica da Seca para avaliar a situación actual coa información meteorolóxica e hidrolóxica dispoñible e, de ser o caso, adoptar as decisións que correspondan conforme aos criterios técnicos

Laura Moure/Xetal

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, sinalou onte que Galicia suma xa este ano 16 xornadas con avisos por altas temperaturas e que, de feito, a Comunidade vén de rexistrar o segundo mes de xuño máis cálido desde 1961.


En concreto, a temperatura media para a serie rexional galega 1961-2026 foi de 20,4 graos, o que supón 2,6 graos máis do habitual neste período, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas. Ademais, segundo o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, o pasado mes de xuño estivo marcado por dous importantes episodios de calor.

A maiores, neste mes de xullo xa vivimos un episodio de altas temperaturas no que se superaron os 40 graos en distintos puntos de Ourense, do sur de Pontevedra e Lugo chegando a alcanzar unha máxima de 42,6 graos o pasado sábado na cidade de Ourense. A esta situación sumouse o feito de que moitas localidades rexistrasen noites tropicais, con temperaturas que non baixaron dos 20 graos durante a madrugada.

Nesa liña, a conselleira incidiu en que os episodios de calor “non son excepcionais”, xa que Santiago de Compostela alcanzou os 40 graos en setembro de 2016 e en Ourense rexistráronse 44 graos no verán de 2022. Con todo, o que indican os datos é que estes fenómenos aparecen cada vez con maior frecuencia e, nalgúns casos, con maior intensidade.


Esa tendencia é precisamente a que, segundo aseverou Ángeles Vázquez, obriga ás administracións públicas a reforzar a capacidade para actuar con previsión e seguir avanzando nas políticas de adaptación ao cambio climático.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Así, a conselleira puxo como exemplo de planificación e seguimento continuo a actuación do Goberno galego na xestión dos recursos hídricos. De feito, hoxe, mércores, reunirase a Oficina Técnica da Seca, que é o órgano encargado de analizar periodicamente a evolución dos indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos previstos no Plan especial de seca de Galicia.


Ángeles Vázquez explicou que se trata dunha reunión de coordinación e análise técnica na que se avaliará a situación actual coa información meteorolóxica e hidrolóxica dispoñible e, de ser o caso, adoptaranse as decisións que correspondan conforme aos criterios técnicos. A maiores, a conselleira fixo un chamamento á cidadanía para realizar un uso responsable da auga porque é a mellor forma de contribuír á súa preservación.


A maiores, a conselleira fixo fincapé no traballo que vén realizando a Xunta de Galicia para avanzar na adaptación da Comunidade ao cambio climático a través, por exemplo, da aprobación da Lei do clima, que establece como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2040.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Plan social polo clima

Nese senso, Ángeles Vázquez explicou que, para seguir avanzando na adaptación climática, a Xunta vén de presentar alegacións ao Plan social para o clima presentado polo Goberno central, centradas no recoñecemento das singularidades territoriais da Comunidade -dispersión poboacional, envellecemento demográfico, predominio da vivenda unifamiliar, dependencia do vehículo particular no rural, etc.- para reforzar a súa eficacia social e climática, así como na solicitude de que non se penalicen actuacións xa impulsadas en Galicia.


En concreto, a conselleira criticou que o Executivo central leve un ano de retraso na aprobación deste instrumento que é clave para acceder ao financiamento do Fondo social polo clima da Unión Europea. Cómpre lembrar que xa en maio de 2025 a Xunta remitiu ao Ministerio unha proposta con 62 actuacións por un importe de máis de 1.973 millóns de euros e susceptibles de financiamento con cargo ao Fondo social para o clima.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Agora, o borrador presentado polo Goberno central sinala que as propostas autonómicas foron valoradas e incorporadas ao Plan, pero non identifica que medidas concretas foron aceptadas, modificadas ou descartadas nin os criterios empregados.  Ante isto, o Goberno reclama explicacións sobre o tratamento dado a estas achegas, así como o recoñecemento expreso do papel das comunidades autónomas na planificación, execución, seguimento e avaliación das medidas.


Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta activará hoxe as seguintes alertas por episodio de calor:

O nivel 2, laranxa, afectará á zona isoclimática da montaña de Lugo.

O Nivel 1, amarelo, afectará ás zonas isoclimáticas centro de Lugo e interior de Pontevedra, é dicir as comarcas de Deza e A Ulloa.


O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, as recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde está dispoñible nesta ligazón.            

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page