Laura Moure/Silleda
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitou este mércores as instalacións da empresa Avipor Silleda para entregarlle o certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia, que lle permitirá empregalo nas diferentes accións para a súa promoción comercial, así como incluír a nova sinalización na súa fachada.

Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, detallou que a posesión do selo de garantía permitirá á empresa engadir o distintivo nos seus produtos. Neste sentido, Ana Méndez destacou o "compromiso de dar un servizo de calidade ao consumidor de principio a fin", e sempre baixo un control e xestión marcado pola experiencia lograda ao longo dos anos.
Publicidade
Avipor Silleda é unha empresa familiar con máis de 55 anos de experiencia e cunha traxectoria especializada nos sectores porcino e avícola. No caso do sector avícola está especializada na comercialización de ovos de galiñas campeiras.
Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con preto de 170 empresas adheridas, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.
Comments