A presidenta da Deputación de Pontevedra mostrou o seu apoio á candidata socialista e cre que “é a mellor opción, porque é unha muller con garra, ideas e moi demócrata para lograr que Lalín medre e teña futuro”
Laura Moure/Lalín
O pasado venres a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou
Lalín para presentar o seu apoio a candidata socialista lalinense, Alba Forno, e presentar
o modelo de vila do Lalín da xente. O debate aberto, que se celebrou no Café Camilo,
estivo moderado polo eurodiputado lalinense, Nicolás González Casares.

A candidata destacou que para os socialistas “o modelo de vila é un concepto moi amplo
que non se centra só no cemento ou nas urbanizacións, senón que abrangue conceptos
como a sostibilidade, conectividade, benestar, dinamización ou transparencia. O noso
concepto é antagónico ao do PP, que non ten proxecto para que Lalín medre e avance
cos tempos”. Forno lembrou que dende a volta do PP os vehículos volveron a estar no
centro da vila e as persoas pasaron a un segundo plano.
"Seremos ambiciosos, pero sen poñer en risco a sustentabilidade económica do noso municipio"
Considera que o obxectivo non é marxinar os coches, pero creando e sinalizando as áreas de aparcamento e deixando espazos abertos para as persoas dinamizaríase o comercio e faríase unha vila máis atractiva para transitar por ela. Así mesmo, engadiu que o modelo de vila socialista é “amable, cómodo, accesible e con conectividade entre o rural e o urbano. Seremos ambiciosos, pero sen poñer en risco a sustentabilidade económica do noso municipio; sen pufos nin débedas”.
O modelo de vila dos socialistas de Lalín consideran viuse durante o cuatripartito, cos socialistas no goberno, que foi cando se puxeron en marcha proxectos de humanización, como pode ser a área de Lalín de Arriba; ou un servizo de conciliación, “que case se pode dicir que Nicolás González Casares foi o pai da iniciativa; ou outros proxectos coma o Cinto Verde, que conectan as zonas do entorno de Lalín e que tanto criticou o goberno e agora estalle dando continuidade”, expuxo Forno.
O proxecto da Gran Praza
Ante o proxecto da gran praza, a candidata á alcaldía resaltou que dende o PSdeG-PSOE
de Lalín apostarán por facer unha remodelación, que abranga a rúa Z, “cohesionando a
zona, pero sen varrer coa historia de Lalín, tirando edificios emblemáticos para facer unha
praza de 9.000 m 2 , que é o que mide a Praza Maior de Madrid”. Ante isto, Silva apuntou
que este tipo de proxectos “non se poden poñer en marcha tres meses antes das
eleccións. Creo que a veciñanza de Lalín é intelixente e esa política de anuncios antes
das eleccións xa non funciona. Hai que ter ambición, pero demostralo a partir do 29 de
maio”.
Alba Forno sinalou que Lalín "evolucionou cara atrás nos últimos catro anos, volvendo os
lalinenses de primeira e de segunda, a falta de transparencia e de participación cidadá, a
débeda e as compras desmesuradas, sen proxectos e semellando unha inmobiliaria”. Ante isto, a candidata socialista ofrece un modelo que cohesione, que sexa sostible,
transparente, pensado para as persoas e no seu benestar social, en orde co entorno; “en
definitiva, un Lalín para a xente e da xente. O Lalín da xente de agora e do futuro, sen
esquece e sen tapar con cemento a nosa historia, porque é necesario saber de onde
vimos para saber a onde vamos”.
"Unha candidata que ama o seu pobo"
A presidenta de Deputación mostrou a súa ledicia porque unha muller nova dese un paso
cara adiante para presentarse polo PSdeG ás municipais de Lalín. “Creo moito na
intelixencia das mulleres para liderar, moito máis nas áreas rurais porque é onde elas
xogaron un papel destacado” indicou e engadiu que “é relevante que unha muller coma
Alba se atreva a liderar un proxecto transformador e que mellore a vida da xente. É unha
muller que sabe o que quere, que ama o seu pobo e sabe escoitar, que é algo
fundamental para gobernar, porque unha vila non se constrúe dende un despacho e
dándolle as costas a nosa veciñanza”, destacou da candidata. Así mesmo, considera que
Forno ten forza, ilusión garras e ideas: “É unha muller profundamente demócrata, con
fondos valores e principios, ademais de ser encantadora, unha característica importante
xa que para ser boa política hai que ser boa persoa”.
Para concluír, Silva destacou que Lalín precisa dun cambio e doutro modelo de vila, posto
que ten todo para poder crecer e avanzar cos tempos. “Teño claro que se votase en Lalín,
Alba sería a miña opción, e non por compartir as mesmas siglas, senón porque sei que
converterá a Lalín nunha vila atractiva e dinámica”.
Comentarios