ExpoBus Iberia 2025 amplía a súa exposición de autobuses clásicos con xoias de entre 1908 e 1991
- Laura Moure

- hace 3 días
- 3 Min. de lectura
A IV Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2025, celebrarase do 20 ao 22 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda
Laura Moure/Silleda
A IV Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2025, a cal se celebrará do 20 ao 22 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, fará un emocionante repaso á historia do autobús na súa exposición de clásicos, con vehículos fabricados entre 1908 e 1991. Esta mostra, a maior organizada pola feira ata o momento, contará con preto de trinta autobuses que permitirán aos visitantes viaxar ao pasado. Na súa maioría poderanse ver nunha área propia, pero tamén haberá algún nun stand dun expositor e varios no exterior dos pavillóns, para recibir aos visitantes.

Poderán verse vehículos espectaculares, como un dos primeiros autobuses que
existiron no mercado, un Ford T de 1908 que contaba con 12 asentos aínda de
madeira, ou un Hispano Suíza T-69 de 1935 pero que non puido ser carrozado e
matriculado ata 1941 debido á Guerra Civil. Este último, que segundo os datos dos
seus propietarios é o único deste modelo que se conserva na actualidade,
diferenciaba tres clases.
Tamén haberá outros orixinais vehículos de case todas as décadas do século pasado.
Algúns son autobuses míticos polos cambios que introduciron, outros son modelos
especiais e outros inclúen detalles adiantados ao seu tempo.
Publicidade
Entre eles haberá un Mercedes O-3500 do ano 1951 con 31 prazas que alcanzaba os
80km/h de velocidade máxima cando poucos o facían, un Pegaso Comet de
fabricación galega do ano 1987 que era especial por ser máis pequeno do habitual
neste modelo, un Setra S9 de 1964 que xa contaba con xanelas no teito ou un
Pegaso 5061/DR tipo Comet con carrocería liña Arousa de 1975 con estrutura de gran
resistencia, xanelas divididas en dúas partes con cortinas de Ottomán, fechaduras
especiais nas portas ou cadro de mandos con acabado especial a base de taboleiro
estratificado. Tamén se mostrará un Setra S-6 de 1963, modelo que se presentou
como o primeiro autobús compacto no Salón de Xenebra de 1955 e se converteu no
preferido das compañías chárter pola súa luxosa estética e gran superficie
acristalada, un Mercedes Benz O-3500 carrocería Vetter de 1953 que era un vehículo
adiantado ao seu tempo polos seus extras e novidades, como cristais alpinos tintados
de verde, butacas de moqueta ou floreiro, ou un Setra S-215HD Tornado de 1991, o
cal supuxo un cambio de concepto e un salto ao autobús moderno en todos os
aspectos, desde o equipamento ata a motorización, suspensión ou climatización.
Algúns adicáronse ao longo percorrido tanto por España como realizando viaxes a Francia, Portugal, Italia ou Países Baixos, mentres que outros prestaron servizo en
liñas regulares e roteiro escolar.
Publicidade
Reflexo dunha época
Estes vehículos, unhas veces rescatados polas empresas da súa propia frota, outros adquiridos a outras compañías ou salvados de despezamentos, contan cunha historia
que non acaba naqueles servizos que fixeron no seu día, senón que hoxe representan a imaxe dunha época en películas, series de televisión, ou eventos, ademais de ser protagonistas en festas e vodas.
Así, alúganse, xa que, cunha lexislación especial, poden circular. Películas como Palmeras en la Nieve ou A Esmorga, series como Velvet ou Pazo de Familia, ou anuncios publicitarios de distintas marcas, contaron con estas pezas de museo.
Estes magníficos vehículos pertencen a oito empresas que dedicaron moito tempo, esforzo e enxeño para restaurar estes autocares, converténdoos en auténticas xoias sobre rodas. Son de Empresa Cuiña e Transportes Mosquera (ambos do grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Empresa Lázara, Autocares de Santiago, Autobuses Juan e de Avelino Garrido, da antiga Empresa Garrido.








Comentarios