top of page

Estrea do pavillón da Bandeira logo da súa renovación cun investimento de máis de 111.000 €

A alcaldesa de Silleda e o presidente da Deputación de Pontevedra participaron no acto xunto aos 110 alumnos e alumnas do CEIP Ramón de Valenzuela, usuarios diarios das instalacións


Laura Moure/Silleda

O pavillón municipal de deportes da Bandeira abriu onte oficialmente unha nova etapa tras a súa remodelación integral, cunha inauguración moi especial, amena e divertida, na que os protagonistas foron os 110 alumnos e alumnas do CEIP Ramón de Valenzuela, centro que utiliza a diario estas instalacións municipais.

O acto converteuse nunha auténtica festa para a comunidade educativa, que puido descubrir un espazo totalmente renovado, máis moderno, confortable e funcional. No interior do pavillón, globos e xogos contribuíron a crear un ambiente alegre e participativo, no que os nenos e nenas amosaron a súa sorpresa e satisfacción polo resultado da actuación.


Na inauguración participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entidade que financiou esta actuación a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.


As obras foron executadas pola empresa Urbanismo Técnico Sostible, cun investimento de 111.199 euros. Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor a importancia desta actuación nun espazo moi utilizado tanto no ámbito escolar como deportivo. Paula Fernández lembrou que o pavillón é moito máis ca unha instalación municipal, xa que constitúe un lugar de encontro, aprendizaxe e convivencia no que a diario se desenvolven clases, adestramentos e actividades de diferentes disciplinas. Tamén destacou que esta reforma permite contar agora cun recinto máis cómodo, moderno e mellor preparado para o presente e o futuro, ao tempo que agradeceu á Deputación de Pontevedra o seu apoio para facer posible este investimento.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A rexedora avanzou ademais que nos próximos días comezarán tamén as obras de remodelación da piscina municipal da Bandeira, situada xunto ao pavillón, unha actuación centrada na mellora dos vestiarios e da zona de servizos, que contribuirá a seguir modernizando o conxunto das infraestruturas deportivas da localidade.


Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis López, puxo en valor os beneficios do deporte, especialmente entre os máis novos, e felicitou ao Concello de Silleda pola aposta continua pola mellora das instalacións municipais. López quixo destacar tamén o potencial deportivo do municipio, sinalando que, malia ser un concello pequeno en poboación, Silleda sobresae pola calidade e polos éxitos dos seus deportistas en moi distintas disciplinas, converténdose nun referente neste ámbito.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A remodelación integral do pavillón permitiu renovar por completo a cancha deportiva, coa instalación dun novo pavimento vinílico antiescorregadizo e polivalente, así como mellorar a iluminación, o mobiliario, as bancadas e distintos elementos do recinto. Ademais, os antigos vestiarios en desuso transformáronse nunha nova sala polivalente destinada á realización doutras actividades. Xunto ao uso diario por parte do CEIP Ramón de Valenzuela, no pavillón municipal da Bandeira desenvólvense tamén distintas actividades deportivas e escolares, como patinaxe, atletismo, fútbol biberón e fútbol sala, polo que esta actuación beneficia a un número moi importante de usuarios e usuarias. O recinto xa pode empregarse desde onte, despois de varios meses de obras, recuperando así plenamente a súa actividade nunhas condicións notablemente melloradas para toda a veciñanza.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page