O obxectivo é levar a regueifa a espazos onde se reúnan adolescentes en festas de poesía oral improvisada, fóra do horario escolar
Laura Moure/Vila de Cruces
Este venres 22 de decembro chega a Vila de Cruces o Regueifa Tour. O obxectivo é levar a regueifa a espazos onde se reúnan adolescentes en festas de poesía oral improvisada, fóra do horario escolar.
Publicidade
O “Regueifa Tour” é unha xira que impulsan as “Regueifeiras da Semente” por toda Galiza. Comezou en Vigo, e xa pasou polo Courel e Vilaba.
En Vila de Cruces a o Regueifa Tour vai presentar un programa variado. O evento será presentado polas regueifeiras Nuria Penas e Lorena Medela. Participarán a Escola de Regueifa de Carballo, dirixida pola regueifeira Lupe Blanco, a brindadora do Courel, Tegra Veiga, as Regueifeiras da Escola Semente, unha representación de regueifeiras do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, e mais as regueifeiras e regueifeiros do IES Marco do Camballón, anfitrións desta festa da poesía cantada e improvisada.
Publicidade
Ademais, no Regueifa Tour das Cruces celebrarase unha homenaxe a Xosé Casal Sueiro, músico e profesor, falecido a finais do século XX, compositor do himno de Vila de Cruces (con letra de Xosé Neira Vilas), e figura popular através do seu personaxe Atilano, no programa da TVG Supermartes.
Como actuación especial, participará no Regueifa Tour a charanga Os Koka Kola, formada, en grande parte, por alumnado do IES Marco do Camballón.
O Regueifa Tour celebrarase o 22 de decembro, ás 18:30 horas, no Auditorio Xosé Casal.
Publicidade
O Regueifa Tour procura que as propias regueifeiras adolescentes organicen e produzan cada espectáculo de forma autónoma, colaborando con persoas colaboradoras de oito vilas e cidades galegas e portuguesas com tradición repentista. O obxectivo do Regueifa Tour é tecer unha rede de adolescentes coa regueifa e o activismo en defensa da lingua galega como nexos de unión.
Comments