Esta fin de semana reábrese ao tráfico o cruce da rúa Estación ca Progreso, con cambios dende o luns
A vindeira semana pecharase o cruce que forman Progreso, Emilio Alonso Paz e República Arxentina, permitindo só o paso a residentes nestas dúas últimas
Laura Moure/Silleda
A intersección que forman as rúas Progreso, rúa da Estación e Avenida Recinto Feiral quedará aberta ao tráfico esta fin de semana, despois do peche por mor das obras de mellora e humanización que se están levando a cabo. Coa reapertura deste entronque tamén se retoma a partir do luns a ubicación da entrada e saída do transporte escolar do CEIP de Silleda, que se modificou nas últimas tres semanas polos cambios no viario.

A rúa Condes do Deza, dun só sentido, volve a recuperar a sinalización orixinal logo das obras de mellora, circulando os vehículos dende a Progreso en dirección á rúa Morón.
Por outra banda, a partir do luns día 7 quedará pechado ao tráfico o cruce que forman as rúas Progreso, República Arxentina e Emilio Alonso Paz. No caso da rúa Progreso, non se poderá circular durante os próximos días a partir do cruce con Condes do Deza , agás no caso de residentes para acceder a garaxes. No caso dos tramos de Emilio Alonso Paz e República Arxentina só se permitirá circular (agás na intersección) ás persoas usuarias residentes.
Con este novo corte acometerase a última fase das obras de mellora e humanización da rúa Progreso, cun investimento de máis de 700.000 euros. A día de hoxe están xa realizadas as obras na praza Siñor Afranio e colocadas a maioría das árbores. Tamén se comezaron a instalar nos primeiros tramos a estrutura das farolas.
A día de hoxe só queda por executar o tramo final que enlaza coa rúa Trasdeza, en plena N-525, onde se concentrarán todos os traballos a partir da vindeira semana.








Comentarios