Equina Galicia 2026 celebra unha edición con máis competicións e con maior nivel deportivo
- Laura Moure

- hace 33 minutos
- 3 min de lectura
A cita celébrase en Silleda dende onte, venres, ata mañá, domingo 12
Laura Moure/Silleda
Equina Galicia, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, celebra xa na Feira Internacional de Galicia ABANCA a súa duodécima edición, a cal aumenta o número e nivel dos seus concursos. Con entrada gratuíta, acolle ata o domingo ás 14:30 horas dez competicións con 200 cabalos de nove países, unha conferencia, un clinic e un espectáculo ecuestre.
Equina comezou onte co XII Campionato de España Pura Raza Española- ANCCE de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos. Así, desenvolvéronse varias seccións de poldros, poldras e eguas. Continuará con máis seccións hoxe e o domingo, día en que tamén será a entrega de premios.

Este Campionato celébrase novamente coa categoría tres estrelas, xa que por quinto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo organizativo, ademais das infraestruturas destinadas ao concurso na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Esta competición conta coa participación de 41 salientables ganderías, procedentes non só da maioría de Comunidades españolas, senón tamén doutros oito países, como son Alemaña, Bélxica, Chile, Costa Rica, Estados Unidos, Francia, Italia e México. Un carácter internacional que comezou a medrar hai catro anos e que volve situar a Equina na axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales participan a través de presentadores nacionais para puntuar de cara ao Campionato do Mundo. Non en balde esta proba é clasificatoria para esta final mundial, que se celebrará en Sevilla do 17 ao 22 de novembro no Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB). Compiten ata o domingo preto de oitenta exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de participantes na categoría tres estrelas.
PUBLICIDADE
Por outra banda, aínda que as actividades de doma clásica concentraranse hoxe, finalmente o Concurso Nacional de Doma Clásica con dúas estrelas da Real Federación Hípica Española comezou xa onte, debido á gran cantidade de probas desta disciplina que se celebran este ano en Equina Galicia. Continuará este sábado.
Equitación de traballo e a IA no mundo ecuestre
Tamén onte pola tarde comezou outra das competicións de Equina, a III Proba de Equitación de Traballo, a cal deu este ano un salto cuantitativo. Así, de novo puntuable para o Campionato Nacional, suma preto dunha vintena de binomios de Galicia, Navarra,
Estremadura, Castela-León, Madrid e Andalucía. Esta modalidade centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo no campo, incluirá novamente probas
de doma, manexabilidade, velocidade e apartado de gando. A proba continuará mañá.
Ademais, onte pola mañá tivo lugar a conferencia “Intelixencia artificial e o cabalo de pura raza española”, a cal abordou como a IA está a transformar a xestión, saúde e comercialización do Cabalo Español. Cabalos 2.0 e posibles aplicacións da IA na cría equina, tecnoloxía e doma clásica en canto a como pode afectar o cabalo
emocionalmente e tamén a intelixencia artificial no mundo rural foron os temas principais.
PUBLICIDADE
A fin de semana, máis competicións e un clinic
Ademais das tres competicións que comezaron xa onte e continuarán, esta cita ecuestre
contará con outras sete importantes probas. Así, a doma clásica terá hoxe gran protagonismo, con 50 binomios participantes. Continuará o Concurso Nacional de Doma Clásica iniciado hoxe e celebraranse a Copa ANCCE de Doma Clásica e a Copa Concello de Silleda, que se estrean en Equina. Ademais, terán lugar, o mesmo que en edicións anteriores, a Copa Turismo Rías Baixas-Deputación de Pontevedra, o Territorial da Federación Hípica Galega, a XXVII Copa Accega e o VIII Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica.
Tamén hoxe terá lugar un clinic de saddle fitting, que é o proceso de adaptar a cadeira de equitación á anatomía do cabalo e do xinete, o cal será impartido por Sofía Suárez, saddlefitter profesional E aínda se sumará un espectáculo ecuestre.
PUBLICIDADE
Xa o domingo está programada a segunda proba das catro que compoñen o Campionato Galego de Enganches. Esta competición será un Open, polo que incluirá probas tanto federadas como non federadas. Así, será puntuable para o Campionato de Galicia en tres modalidades, Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo e tamén Ponis, orientada a nenos cunha carruaxe tirada por un poni. Na proba Libre, non federada, admitirase calquera tipo de cabalo e coche.









Comentarios