Equina Galicia 2025 comezou onte en Silleda con exemplares participantes de seis países
- Laura Moure

- 12 jul 2025
- 4 Min. de lectura
A cita celébrase ata mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA cuxa entrada é gratuíta
Laura Moure/Silleda
Equina Galicia, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, celebra xa na Feira Internacional de Galicia ABANCA a súa undécima edición, cuxa entrada é gratuíta. Ata as 14:30 horas de mañá, domingo, acollerá seis competicións con preto de 200 cabalos de seis países, bautismo hípico e unha conferencia.
Equina comezou este venres co XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE
de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central do evento e valora tanto a
morfoloxía dos exemplares como os seus movementos. Así, onte pola mañá desenvolvéronse as seccións de poldras de 2 e 3 anos e poldros de 3 anos, mentres que esta tarde xúlganse os poldros de 2 anos e os sementais de 4, 5, 6 e 7 anos ou máis. Continuará hoxe con máis seccións e o domingo cos premios especiais.

Este Campionato celébrase novamente coa categoría tres estrelas, xa que por cuarto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo organizativo, ademais das infraestruturas destinadas ao concurso na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Esta competición conta coa participación de 45 destacadas ganderías, procedentes non só da maioría de Comunidades españolas, senón tamén de Costa Rica, México, Italia, Francia e Bélxica. Un carácter internacional que comezou a medrar fai tres anos e que volve situar a Equina na axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales participan a través de presentadores nacionais para puntuar de cara ao Campionato do Mundo. En total participan oitenta exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de participantes.
Equitación de traballo e bautismo hípico
Tamén esta tarde comezou outra das competicións de Equina, a II Proba de Equitación de Traballo, a cal deu este ano un salto cualitativo e cuantitativo. Por unha banda, ademais de ser puntuable para os campionatos de Galicia e Castela-León, nesta edición tamén o é para o nacional. Por outra banda, esta cita conta co dobre de participantes que o ano pasado, sumando 15 binomios de Galicia, Estremadura, Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid, Aragón e Andalucía.
Esta modalidade, que xa conta con solicitude oficial para que sexa considerada olímpica, está centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo no campo. Inclúe catro tipos de probas, que son doma, manexabilidade, velocidade e apartado de gando, instalándose para iso varias pontes, obstáculos e material que simula reses para o seu desenvolvemento. A proba continuará ao longo do día de hoxe.
Publicidade
O bautismo hípico é outra das actividades que deu comezo esta tarde e que seguirá hoxe. Coa participación de exemplares cun adestramento especial e conducida polo Club Hípico Amazonas, é unha actividade pensada para fomentar a equitación como deporte entre os nenos e tamén para persoas con discapacidade ou alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón melloras cognitivas, físicas e emocionais. Outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.
Outras catro competicións e unha conferencia
Ademais destas dúas competicións que se celebraron onte, esta cita ecuestre contará con outras catro importantes probas. Tres delas centraranse hoxe na doma clásica e contarán con 50 binomios, sendo o VII Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVII Copa Accega e o Territorial, clasificatorio este último para o Campionato Gallego. A súa alta cifra de binomios consolida esta cita como a de maior participación de Galicia no que a doma clásica refírese.
Xa o domingo sumarase a terceira proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches. Puntuable tamén para o Campionato de España, contará con varias modalidades: Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo; Sulky, cun cabalo e unha carruaxe con dúas rodas; Poni, orientada a nenos cunha carruaxe tirada por un poni e proba libre para non federados. Entre a súa decena de participantes, de distintos puntos de Galicia, figurará o actual subcampión de España de Limonera Individual e tamén o subcampión de Tronco en Portugal.
Publicidade
Así mesmo, nesta edición a conferencia celebrada habitualmente en Equina destacará polo seu interese e a celebración dunha mesa redonda posterior con destacados profesionais do sector. Baixo o título “O cabalo, proxección deportiva e condicións de
traballo na biodiversidade das ganderías”.
Todo iso formará parte dunha completa edición de Equina que contará co apoio de distintas consellerías da Xunta de Galicia, fundación Deporte Galego, Deputación de
Pontevedra, Concello de Silleda, distintas adegas das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas, a firma de alimentación ecuestre Pavo e a empresa silledense de
alimentación animal Nudesa, ademais da colaboración da Fundación Semana Verde de
Galicia.








Comentarios