Equina Galicia 2025 chega a Silleda coas mellores ganderías e exemplares de seis países
- Laura Moure

- 11 jul 2025
- 4 Min. de lectura
Arranca dende hoxe ata domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda)
Laura Moure/Silleda
Equina Galicia 2025, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, arrinca hoxe, venres, na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda). Será a undécima edición deste evento, cuxa entrada será gratuíta para acceder a un programa con seis importantes competicións con preto de douscentos cabalos de seis países, ademais doutras propostas.
O evento, que terá lugar ata o domingo ao mediodía, comezará co XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE, de novo eixo principal de Equina e que volveu
conseguir a categoría tres estrelas. Por terceiro ano consecutivo a Real Asociación
Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o
máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e esforzo
organizativo, ademais de valorar o recinto.

Esta competición, que inclúe tanto morfoloxía como funcionalidade e se estenderá
durante os tres días, contará coa participación de 45 destacadas ganderías
procedentes non só da maioría de Comunidades españolas, senón tamén doutros
cinco países, como son Costa Rica, México, Italia, Francia e Bélxica. Un carácter
internacional que comezou a medrar fai tres anos e que volve situar a Equina na
axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales
participan a través de presentadores nacionais para puntuar de cara ao Campionato do
Mundo. Non en balde esta proba é clasificatoria para esta final mundial, que se
celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro no Salón Internacional de Pura Raza
Española (SICAB).
Participarán oitenta exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos
tres campionatos de España con maior número de participantes na categoría tres
estrelas. Unha importante presenza que permitirá a Equina cumprir un dos seus
principais obxectivos, dar a coñecer a importancia da gandería ecuestre.
Doma, enganches e equitación de traballo.
Ademais do morfofuncional, esta cita ecuestre contará con outras cinco competicións.
Tres delas centraranse o vindeiro sábado na doma clásica e contarán con 50 binomios,
sendo o VII Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio
da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVI Copa Accega e o Territorial,
sendo este último clasificatorio para o Campionato Galego. A súa alta cifra de
participación consolida esta cita como a de maior participación de Galicia no que a
doma clásica refírese.
O venres pola tarde e o sábado celebrarase a II Proba da Federación de Equitación de
Traballo, a cal deu un salto cualitativo e cuantitativo. Así, ademais de ser puntuable
para os campionatos de Galicia e Castela-León, este ano tamén o é para o nacional e
conta co dobre de participantes que o ano pasado, sumando 15 binomios de Galicia,
Estremadura, Castela-A Mancha, Castela-León, Madrid, Aragón e Andalucía. Esta
modalidade centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo co gando
no campo, incluirá novamente catro tipos de probas, que serán doma, manexabilidade,
velocidade e apartado de gando.
Publicidade
Xa o domingo sumarase a terceira proba das seis que compoñen o Campionato Galego
de Enganches. Puntuable tamén para o Campionato de España, contará con cinco
modalidades: Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas
pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo; Sulky, cun cabalo e unha
carruaxe con dúas rodas; Poni, orientada a nenos cunha carruaxe tirada por un poni e
proba libre para non federados. Entre a súa decena de participantes, procedentes de
distintos puntos de Galicia, figurará o actual subcampión de España de Limonera
Individual e tamén o subcampión de Tronco en Portugal.
Xa para público xeral, Equina recuperará o bautismo hípico, pensado para fomentar a
equitación como deporte entre os nenos e tamén para persoas con discapacidade ou
alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón
melloras cognitivas, físicas e emocionais. Nesta actividade, con cabalos cun
adestramento especial e que será conducida polo Club Hípico Amazonas (Ponte Caldelas), outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.
Mesa redonda con destacados profesionais
Nesta edición a conferencia celebrada habitualmente en Equina destacará polo seu interese e a celebración dunha mesa redonda posterior con destacados profesionais do
sector. Baixo o título “O cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na
biodiversidade das ganderías”, contará coa participación de Cristina Vierna, técnica de
I+D+i do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) para o desenvolvemento de EUnetHorse,
o primeiro proxecto europeo dedicado ao mundo equino para dar resposta a como mellorar a resiliencia e rendemento do sector en Europa.
Publicidade
Así mesmo, intervirá Judit Anda, presidenta de Expasa e Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado, unha entidade pública do estado que foi designada en 2019 como Centro Nacional de Referencia Zootécnica e que colabora co ministerio de Agricultura no desenvolvemento do programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras equinas.
Ademais, participarán Jaime Molina, director de ANCCE; Pedro Azor, subdirector do Libro Xenealóxico do PRE e director técnico do Programa de Mellora de ANCCE; Elena Blanco, xefa veterinaria do libro xenealóxico de Galicia e Asturias, e Eduardo Rodríguez, director técnico de Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado.








Comentarios