Enerxétika 2026 consolídase como punto de encontro clave para a biomasa e celebrarase en Silleda
- Laura Moure

- hace 12 minutos
- 2 Min. de lectura
A cita incluirá un foro estratéxico e os premios do sector en Galicia
Laura Moure/Silleda
O certame Enerxétika 2026, o cal terá lugar do 25 ao 27 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda, converterase en punto de encontro do sector da biomasa coa celebración de dúas interesantes actividades organizadas polo Clúster da Biomasa de Galicia. Estas propostas, que se levarán a cabo o segundo día do certame, comezarán co VI Foro da Biomasa, que baixo o lema “A Biomasa, unha oportunidade estratéxica para Galicia”, será inaugurado polo presidente do Clúster, Rubén Mosquera, e un representante do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Durante o seu transcurso achegará os puntos de vista dunha ducia de recoñecidos expertos ao redor de tres grandes eixos temáticos. O primeiro deles centrarase na visión da biomasa dende outras comunidades respecto ás redes de calor e posibilidades de transferencia, sendo os relatores Mar Pereira, subdirectora de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); Emérito Freire, director do Departamento deCoordinación de Eficiencia Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA); Remei Aldrich, da Deputación de Xirona; Juan Jesús Ramos, da Asociación Española da Biomasa (AVEBIOM) e Juan María Sánchez, de Engie-DH Eco
Enerxías.
Publicidade
O segundo dos bloques versará sobre as vantaxes da biomasa na redución de emisións e o mercado voluntario de créditos de carbono en Galicia”, que serán explicadas por María Mejuto, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables da Xunta de Galicia; Fernando Vargas, de Foresga; e Ramiro García, de Finsa. Xa o último dos eixos abordará o aproveitamento e xestión das masas forestais de Galicia, por parte de Luisa Piñeiro, directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia; Roque Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela; e Hugo Rodríguez, de Ametlam.
II Premios Biomasa Galega
A continuación desta sexta edición do foro, Enerxétika acollerá tamén a gala de entrega dos II Premios Biomasa Galega, nos que o Clúster establece cinco categorías.
PUBLICIDADE
Así, recoñecerase ao “Proxecto sostible en biomasa”, que será unha iniciativa con impacto significativo no medio ambiente, a “Traxectoria profesional no sector”, que supoñerá o recoñecemento dunha persoa cunha destacada contribución ao desenvolvemento e promoción do sector da biomasa en Galicia; e o “Impulso empresarial en biomasa”, destinado a unha empresa galega que aposta polo uso da biomasa. Tamén premiará en “Concienciación e educación” a un programa educativo, campaña ou acción que fomente o coñecemento da biomasa na sociedade e recoñecerá en “Compromiso institucional” o traballo dunha administración pública, organismo ou entidade que promove políticas e iniciativas en favor do sector.








Comentarios