top of page

En Melide xa loce o fito da ruta de Shikoku Henro

Esta ruta xaponesa percorre 88 templos budistas e atópase irmandada co Camiño de Santiago


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide afonda na súa vinculación co Camiño de Santiago, ruta histórica que atravesa o municipio, coa instalación dun fito en referencia á ruta de peregrinacións nipoa Shikoku Henro, irmandada coa Ruta Xacobea. Onte, venres, Melide recibiu a visita do presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Shikoku Henro, Hirofumi Matsuoka, nun acto onde ademais dos representantes institucionais do Concello de Melide, como o alcalde José Manuel Pérez e o concelleiro Xosé Igrexas, estivo presente a presidenta da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, Olga Iglesias, alcaldesa de Triacastela. É precisamente Triascastela, xunto con Sarria, outro dos puntos do Camiño que xa contan con este fito conmemorativo, que en Melide colocaron onte xunto á Capela do San Roque.

foto

O Camiño de Shikoku Henro é unha ruta circular que atravesa 88 templos budistas dispersos pola illa xaponesa do mesmo nome. A súa lonxitude total é de 1.200 quilómetros a través destes complexos relixiosos fundados no século IX polo monxe Kukai. O habitual é que esta ruta se percorra no sentido das agullas do reloxo, atravesando espazos monumentais como o complexo de templos da cidade de Kotohira.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A ruta adoita comezarse na cidade de Naruto, coa visita ao templo de Ryozenji. O derradeiro templo é o de Okuboji, en Sanuki, que conta cun sistema de campás

considerado Paisaxe Sonora no Xapón. Non se trata da única ruta relixiosa nipoa irmandada co Camiño de Santiago, xa que o Camiño Kumano-Kodo, que percorre o sueste do país, está así vinculado coa ruta xacobea dende 1998.


A vinculación da vila de Melide co Camiño de Santiago é fundamental ao longo da súa historia, tanto dende o punto de vista económico como patrimonial e cultural. Na vila conflúen o Camiño Francés e mais o Primitivo ou de Oviedo, converténdoo nun importante nó xacobeo a escasa distancia da meta en Compostela. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO DO ACTO.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page