En marcha os procesos para mellorar os centros sociais de Abades, Piñeiro, Lamela, Moalde e Curro
- Laura Moure

- 20 dic 2025
- 1 Min. de lectura
Estas actuacións de Silleda executaranse con cargo aos fondos do Plan Máis Provincia da
Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar os procedementos administrativos para acometer diversas melloras en varios centros sociais do rural, unha liña de actuación que busca reforzar a calidade, a accesibilidade e a funcionalidade destes espazos de encontro veciñal. Neste momento atópase xa en proceso de licitación a reforma do centro social
de Abades, onde se levará a cabo a adaptación e ampliación do aseo mediante un procedemento de obra menor. Así mesmo, o Concello porá en marcha nos vindeiros días a contratación das actuacións previstas nos centros sociais de Piñeiro, con intervencións destinadas a mellorar a habitabilidade do inmoble; de Lamela, onde se reformarán tamén os baños; así como nos centros de Moalde e no situado no lugar de Curro, na parroquia de Cira.

Publicidade
Todas estas actuacións executaranse con cargo ao Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, a través de proxectos propostos polo Concello de Silleda tendo en conta as demandas trasladadas pola veciñanza das distintas parroquias.
Publicidade
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que “estes centros sociais son pezas clave para manter viva a actividade comunitaria no rural, e o noso compromiso é seguir mellorándoos pouco a pouco, atendendo ás necesidades reais de cada parroquia”. A rexedora subliñou ademais que “investir nestes espazos é investir en convivencia, servizos de proximidade e calidade de vida para a veciñanza”.








Comentarios