top of page

En marcha os asfaltados no lugar da Costela, na parroquia silledense de Margaride

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de iniciar este luns os traballos de aglomerado no lugar de Costela, na parroquia de Margaride, continuando co desenvolvemento do plan integral de mellora de vías municipais, financiado con cargo ao préstamo de 1.750.000 euros aprobado por unanimidade da Corporación.


As obras, executadas pola empresa Taboada y Ramos, arrancaron na pista principal deste núcleo, onde se procederá ao asfaltado completo do trazado, mellorando así a mobilidade e a seguridade viaria da veciñanza.

A actuación prevista consiste na mellora da capa de rodadura dos camiños mediante a aplicación de mestura bituminosa en quente de 5 cm con fresado previo dos entronques e capa de regularizacion previa. Nalgúns tramos demolerase o firme existente, mellorando a explanada con zahorra e aplicando un rego de imprimación.


Os traballos incluíron xa, nos últimos días, a limpeza das cunetas e a mellora do sistema de drenaxe, tanto lonxitudinal como transversal, que en algúns treitos se completará con revestimento de formigón.


A alcaldesa e responsable municipal de Obras, Paula Fernández, desprazouse ao lugar para supervisar o inicio dos traballos, que se enmarcan nas actuacións previstas nas parroquias de Margaride, Silleda, Rellas e Xestoso.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Desde a Alcaldía faise un chamamento á veciñanza para que, nas fincas onde se realizan labores agrícolas, se instale a tubaxe necesaria que evite futuras roturas do firme co paso de maquinaria pesada. “Poden contactar coa Alcaldía para buscar unha solución consensuada en cada caso”, sinala a rexedora. Tamén lembra a importancia de cortar as árbores situadas na zona de dominio público que poidan causar danos no firme co paso do tempo. “Se todos coidamos o que é de todos, esta pista poderá durar máis de 20 anos en perfecto estado”, engade.


Nas vindeiras semanas está previsto que os traballos continúen nos lugates  de Toxa e Toiriz, ao tempo que se avanza nas tarefas de limpeza de cunetas e preparación do terreo noutras zonas, como o núcleo principal de Xestoso.


O plan contempla actuacións en 10 parroquias, das que xa están adxudicadas as obras en Margaride, Rellas, Silleda e Xestoso. As obras das parroquias de Abades, Manduas e Piñeiro atópanse xa en fase de licitación.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“Todas estas pistas foron reclamadas pola veciñanza nas reunións que mantivemos ao pouco de chegar á Alcaldía, e estamos dando a mellor resposta posible: pistas con aglomerado en quente para garantir unha maior durabilidade”, sinala Paula Fernández. Pola contra, as actuacións previstas en Chapa, Dornelas, Ponte e Cira seguen pendentes da recepción de informes sectoriais preceptivos.


Desde o goberno local insístese en que, mentres non se dispoña de todos os informes necesarios, optarase pola prudencia á hora de licitar novas fases do plan, co obxectivo de garantir a súa viabilidade técnica e administrativa.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page