Os afectados xa recolleron máis de 2.000 sinaturas para evitar que se leve a cabo esta sentenza
Laura Moure/Melide
Esta mañá ECOS DA COMARCA desprazouse ata a localidade de Melide para participar tamén na manifestación para reivindicar que non derriben dúas vivendas dunha mesma familia. A comitiva saíu sobre ás doce da mañá dende o lugar das casas afectadas, dende o Camiño Vello, e a familia sentiuse moi arroupada por algo máis dun cento de veciños.
A unión fai a forza ou polos menos, darlles apoio aos afectados, de seguro que lles servirá para coller pulos para continuar coa loita. Foi unha marcha moi emotiva porque hai que ser conscientes da dor que está pasando estes familiares ao ver que as súas vivendas, con 60 anos de historia, poden converterse en cascallos. Recordos e vivenzas que poden quedar sepultadas debido a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Aos berros de "Concello, escoita as casas non se tocan", "Non o derribo, das nosas casas", "Alcalde, escoita, o pobo está de loita!", "Xustiza, ruína, o escombro contamina" ou "Melide, unido, xamais será vencido" pasaron polo Cantón de San Roque dando varias voltas á rotonda do centro da localidade e dirixíndose ata a Casa do Concello. Ante o Consistorio dous dos afectados, os irmáns Carlos e Víctor Mosteiro, aproveitaron para agradecer toda a calor que están recibindo e foron moitas as mostras de afecto que lles mostraron alí mesmo. E tamén pronunciaron unhas palabras ante todos os presentes.
"É unha sentenza desproporcionada ao erro que cometemos, que tamén o temos que recoñecer. As nosas casas teñen un gran valor sentimental porque nacimos alí. E esa casa quedoulle a miña irmá, a solteira, e meteu aí todos os seus aforros, que como sabedes é empregada do fogar e ten un salario miserable e agora que lle quedan dous anos para retirarse, non terá onde meterse se se leva a cabo este derrumbe", lamenta Carlos Mosteiro.
"Eu penso que se loitas podes perder, pero senón loitas estás perdido, e non é o mesmo loitar só que todos xuntos con vós. Levamos moitos anos de inseguridade, de intranquilidade e de medo, de medo de quedar sen as nosas casas. Esta é unha sentenza inxusta e totalmente desproporcionada debido a denuncia de tres veciños", recalca Víctor Mosteiro, quen sinalou que nestas semanas xa recolleron máis de 2.000 sinaturas.
Todos os alí presentes aproveitaron ao final da manisfestación para darlles ánimo un por un e para tenderlles a man: "Aquí estamos para o que necesitedes", dixo máis dun.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments