Ecoloxistas en Acción presenta denuncia penal polo vertido tóxico das balsas da mina de Monte Neme
- ecosdacomarca

- hace 23 horas
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Ecoloxistas en Acción presentou este luns, 2 de febreiro, unha denuncia penal nos xulgados de Carballo por presuntos delitos contra o medio ambiente en relación coa falla crítica dunha balsa de residuos mineiros da mina de Monte Neme, ocorrida o pasado 31 de xaneiro. A denuncia diríxese contra responsables políticos e técnicos da Xunta de Galicia, así como contra as empresas integrantes da UTE MONTENEME, encargadas das obras de restauración da explotación mineira. Entre as persoas denunciadas atópanse a conselleira de Economía e Industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e un enxeñeiro de minas do departamento territorial da Coruña.

"A falla, moi similar á que levou a un desastre ambiental en 2014, produciuse nunha das balsas situadas ao sur da explotación, provocando o vertido incontrolado dun gran volume de augas contaminadas con metais pesados, que descenderon ata o Rego de Tuixe, o Rego dos Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo protexido da Rede Natura 2000. O vertido ocasionou danos ambientais visibles ao longo de todo o percorrido e obrigou ao corte dunha estrada local entre Leiloio e Aviño", sinala Ecoloxistas.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A organización ecoloxista desmente as versións oficiais que apuntan a un accidente fortuíto causado polas choivas ou pola existencia dunha galería “descoñecida”. Segundo a documentación achegada, "a galería pola que se produciu o baleirado da balsa estaba perfectamente inventariada desde polo menos 1998 en documentos oficiais da propia Administración autonómica".
Ecoloxistas en Acción considera "que a falla está directamente relacionada cos traballos de restauración impulsados pola Xunta de Galicia, iniciados en decembro de 2025, durante os cales se realizaron importantes movementos de terras que provocaron o desprazamento das augas contaminadas cara a unha balsa que non reunía condicións de estabilidade suficientes. Parte destas augas deberían terse sometido a un proceso de tratamento, que supón máis da metade do orzamento do proxecto, financiado con fondos europeos Next Generation".
Publicidade
A denuncia subliña tamén "a contradición entre as análises oficiais actuais, que descartan contaminación poucas horas despois do vertido, e as realizadas tras a falla de 2014, cando Augas de Galicia confirmou a toxicidade das augas e lodos vertidos desde a mesma mina. Aquela rotura, ocorrida hai doce anos, verteu máis de 24.000 metros cúbicos de augas contaminadas, causando danos por centos de miles de euros e afectando gravemente ás parroquias de Aviño e Razo da Costa".
Para Ecoloxistas en Acción, o sucedido o 31 de xaneiro non é un feito illado, "senón a consecuencia de décadas de abandono, falta de control e actuacións administrativas irregulares, a pesar de que a perigosidade das balsas de Monte Neme está documentada en múltiples inventarios oficiais desde finais dos anos noventa".
Publicidade
A organización solicita ao xulgado a apertura de dilixencias previas, a toma de mostras e análises independentes das augas e sedimentos, así como o requirimento de toda a documentación administrativa e técnica relacionada coa mina, coas obras de restauración e coas autorizacións de vertido.
Ecoloxistas en Acción anuncia ademais a súa intención de personarse como acusación popular no procedemento penal e reclama responsabilidades políticas e penais para evitar que episodios de contaminación grave en espazos protexidos volvan repetirse con total impunidade.
NOTICIA RELACIONADA:
Prodúcese a rotura de contención dunha balsa na antiga mina do Monte Neme: https://www.ecosdacomarca.com/post/prod%C3%BAcese-a-rotura-de-contenci%C3%B3n-dunha-balsa-na-antiga-mina-do-monte-neme








Comentarios