Ecoloxistas en Acción alerta sobre "o macroproxecto encuberto detrás da mineira de Touro"
- ecosdacomarca

- hace 11 minutos
- 3 min de lectura
A organización sinala que " o proxecto inclúe a posibilidade de reabrir a mina de Fornás en Santiago, con dereitos mineiros a escasos 2 km da Cidade da Cultura"
Ecos da Comarca/Touro
Ecoloxistas en Acción denuncia irregularidades na tramitación do "Proxecto Cobre San Rafael". Alertan que logo de analizar a documentación do Proxecto Touro divulgada pola empresa entre o seu accionariado, "queda á luz a intención de avanzar cara unha macroexplotación mineira de dimensións moi superiores ás presentadas no actual proxecto declarado estratéxico e que xa recibiu unha DIA negativa na anterior tentativa de reapertura".
Entre a documentación da empresa sobre este proxecto, sinala o colectivo que "figura un documento en inglés co título de “Informe técnico sobre os recursos minerais do proxecto de cobre Touro” no que se demostra que o proxecto engloba un total de 10 dereitos mineiros, de 19.000 hectáreas de extensión (190 km2), incluindo a superficie da concesión San Rafael, na que plantea o proxecto actualmente en trámite".

De feito, recalca que "Cobre San Rafael solicitou os permisos de investigación “Lavacolla”, na parroquia compostelá de Bando, e os permisos “Touro” e “A Muíña”, nos concellos de Touro e Arzúa. A isto súmanse outros seis permisos de investigación en Santiago de Compostela e Boqueixón, por volta da antiga de mina de cobre de Fornás, que a empresa buscaría reabrir nunha fase posterior. Os dereitos mineiros ocupan as parroquias compostelás do Eixo, Aríns e Marrozos e están a apenas 2 km da Cidade da Cultura".
Ecoloxistas en Acción asegura que a división do proxecto cun expediente máis pequeno busca evitar unha avaliación de impacto ambiental global e axeitado á verdadeira magnitude da explotación. “A intención é clara, tramitar un proxecto inicial de menor dimensión por volta da antiga explotación para obter unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable máis facilmente e, unha vez consolidada a actividade, solicitar sucesivas ampliacións, como xa ven facendo as Minas de Riotinto en Huelva” declara Isabel García, voceira da organización ecoloxista.
Sinalan que ocultar da administración e da cidadanía os plans de ampliación sobre os dereitos mineiros lindeiros que están sobre a mesa do accionariado, supón "trocear" o impacto real e, en consecuencia, non ter en conta tampouco os impactos reais no medio e nos numerosos núcleos de poboación que se verían afectados, incluído na capital galega.
PUBLICIDADE
Lembran que o Tribunal Supremo xa ten determinado que non se pode avaliar de xeito illado o que forma parte dunha única estratexia empresarial e funcional e a propia lei de avaliación de impacto ambiental prohibe o fraccionamento de proxectos.
Para a organización ecoloxista a documentación manexada pola propia empresa "destapa a verdadeira extraxeia, na que o proxecto en trámite apenas pretende crear as instalacións de residuos e procesamento que permitirán avanzar cunha explotación moito maior por toda a comarca". Consideran que este feito "debería ser máis que suficiente para que a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Economía e Industria non dilataran máis o proceso de avaliación e procederan a denegar o proxecto".
PUBLICIDADE
Trátase salienta, "dunha clara estratexia de "pé na porta" (foot-in-the-door), que busca consolidar a autorización administrativa cun proxecto reducido, que non avalía e analiza os impactos reais para conseguir a aceptación, coa clara intención de facerse coa licencia social, para despois escalar os obxetivos reais e encadear sucesivas ampliacións cando o dano ambiental na contorna xa sexa irreversible".
Informe de Atalaya Mining (páxinas 313-314): https://wp-atalaya-mining-2022.s3.eu-west-2.amazonaws.com/media/2022/08/NI-43-101-Technical-Report-for-Proyecto-Touro.pdf








Comentarios