Dolores Sangiao, nomeada (in)VISIBLE 8M de 2026, en Silleda
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 4 Min. de lectura
Teatro, música o poder transformador da regueifa e a homenaxe a Mariló Bueno completan a programación deste ano no Día da Muller
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de presentar a programación do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema 8M/365, unha proposta que busca visibilizar o papel das mulleres durante todo o ano e reforzar o compromiso colectivo coa igualdade. O programa comeza co nomeamento de Dolores Sangiao Cacheiro, Lola Sangiao, como (In)Visible 8M 2026, un recoñecemento a unha muller fondamente vinculada ao tecido asociativo local, exemplo de compromiso, traballo constante e implicación coa vida social e comunitaria. Con este
nomeamento, o Concello quere poñer en valor esas traxectorias silenciosas pero imprescindibles, que constrúen comunidade dende o compromiso diario e a participación activa.
Nada no lugar do Vede, na parroquia estradense de Rubín, en 1947, Lola chegou moi nova á Bandeira tras casar con Manuel Sangiao. Aquí asentou a súa vida familiar e profesional, abrindo xunto ao seu marido un comercio de electrodomésticos na rúa Xeral. “Sempre me sentín da Bandeira”, afirma, resumindo nunha frase o seu vencello cunha vila á que dedicou décadas de traballo silencioso e constante.

A súa figura está inevitablemente ligada á Festa da Empanada, na que participou xa na primeira edición e na que acadou máis premios que anos ten a propia celebración, converténdose nun dos nomes propios desta cita gastronómica que define a identidade da Bandeira.
Mais se hai un ámbito onde a súa pegada resulta especialmente fonda é no asociacionismo. En 2005 asumiu a presidencia da Asociación Cultural Vista Alegre, entidade con máis de corenta anos de historia, responsabilidade que desempeñou ata hai apenas uns meses. Durante máis de dúas décadas liderou unha etapa de dinamización e apertura, impulsando novas iniciativas culturais e traballando sempre en equipo. “Traballei sempre moi a gusto e sentín que dende esta casa podía emprender cousas novas”, sinala Lola, que destaca tamén o apoio das distintas directivas que a acompañaron e da colaboración institucional ao longo destes anos.
Traballadora incansable, constante, perfeccionista —como cando colle a agulla para bordar os detalles máis minuciosos—, Lola representa esa xeración de mulleres que construíron comunidade desde a responsabilidade asumida sen buscar protagonismo.
Publicidade
“Lola é un referente na Bandeira, non só polo seu papel na Festa da Empanada, senón pola súa capacidade de unir, de sumar e de estar sempre disposta a colaborar. É desas persoas que fan mellor o lugar no que viven”, engade a alcaldesa, Paula Fernández.
O acto central celebrarase o propio 8 de marzo ás 12:30 horas no Centro Cultural Vista Alegre, cun programa que incluirá o nomeamento da (In)Visible 8M 2026, e a apertura da exposición Mulleres (In)Visibles, coa traxectoria das 27 silledenses que foron protagonistas desta iniciativa que arrancou en xaneiro de 2024. O acto do 8M tamén acollerá o concerto “As mulleres damos a nota”, seguindo a liña de anos anteriores.
A programación continuará o venres 6 de marzo coa colocación da bandeira feminista na estatua da muller labrega, á entrada da vila de Silleda e a iluminación da Praza da Bandeira.
As propostas escénicas volven estar presentes, desta vez no marco tamén do programa Silleda Teatro, co monólogo “Marcho que teño que marchar”, o sábado 7 no salón Santa Eulalia de Silleda. Bea Campos protagoniza esta comedia con contos para a reflexión sobre os roles e a desigualdade de xénero.
14 de marzo: regueifa, pracer e transformación social con Aopaso
A programación seguirá o sábado 14 de marzo, cunha proposta innovadora que combina cultura, feminismo e educación afectivo-sexual. Pola mañá, de 10:00 a 13:00 horas no salón de Actos do Concello, celebrarase o obradoiro vivencial “Regueifando con pracer”, con SRA. Placerful e Raquel “A Doallo”, de Aopaso.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A actividade combinará dinámicas de improvisación oral e educación afectivo- sexual, creando un espazo seguro para falar, nomear e explorar a sexualidade desde unha perspectiva feminista. A través de xogos de palabra, escoita activa e pequenas prácticas de improvisación —sen necesidade de experiencia previa—, as participantes poderán compartir reflexións nun ambiente de respecto e aprendizaxe colectiva.
O obradoiro está dirixido a mulleres e persoas con identidade non binaria. É de balde e conta con prazas limitadas, sendo necesaria inscrición previa no teléfono 986 59 20 37.
Xa pola tarde, tamén na xornada do sábado 14, ás 19:00 horas, terá lugar a proxección dun documental e posterior coloquio arredor do proxecto “Regueifando con Pracer: tecendo redes feministas de improvisación e coidados”. A peza audiovisual, gravada entre Vila de Cruces, Silleda e Santiago de Compostela, recolle a experiencia dun grupo de mozas que, entre versos improvisados e reflexións compartidas, abordan cuestións relacionadas coa sexualidade, conectando a intimidade coa vida comunitaria. Unha proposta que celebra a regueifa e o pracer como ferramentas de transformación social.
Espazo Mariló Bueno
A programación completarase o 21 de marzo, ás 18:00 horas, co nomeamento das dependencias municipais de Benestar como “ Espazo Mariló Bueno”, cumprindo co acordo plenario para rendir homenaxe a outra muller que destacou no ámbito sociocultural do municipio, falecida o pasado mes de novembro. Dende o Concello de Silleda anímase á veciñanza a participar nas distintas actividades e a facer do 8M non só unha data sinalada no calendario, senón un compromiso real e sostido coa igualdade.
“A programación do 8M non é só unha conmemoración puntual, senón unha declaración de intencións. Falamos de igualdade os 365 días do ano e facémolo poñendo rostro e nome ás mulleres que abriron camiño”, concluíu a alcaldesa, Paula Fernández.







Comentarios