Do Campo visita en Toques e Melide tres actuacións de reforma e conservación do patrimonio tradicional
- Laura Moure

- hace 3 minutos
- 5 Min. de lectura
A delegada da Xunta lembrou que esta orde da Xunta permitiu compatibilizar a protección dos espazos naturais da Rede Natura coa conservación do patrimonio rural
Laura Moure/C.Terra de Melide
A delegada da Xunta na Coruña, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias, visitou este martes varias actuacións realizadas por particulares con apoio da Xunta ao abeiro da última orde de axudas destinada a investimentos para a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural localizado na Rede Natura 2000 de Galicia. Concretamente, tres actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio tradicional situadas nos concellos Toques e Melide, que recibiron axudas por un importe total de case 45.000 euros do Goberno galego. Estas intervencións tiveron como obxectivo a recuperación de elementos arquitectónicos tradicionais e a mellora da integración paisaxística en contornas de alto valor ambiental, contribuíndo á conservación do medio rural e do patrimonio cultural galego.

A primeira actuación localízase no lugar da Morcegueira, en Toques, e consistiu na rehabilitación dun hórreo e dun muro tradicional vinculados a unha explotación gandeira. Os traballos realizados incluíron a rehabilitación integral dun hórreo tradicional, que se levou a cabo no mesmo emprazamento no que se atopaba, respectando en todo momento a súa tipoloxía orixinal, tanto na estrutura como na cuberta e nos cerramentos.
En canto ao muro, os traballos consistiron na retirada das partes deterioradas e na demolición dos elementos en mal estado. Reconstruíuse o muro de pedra, con remates de cantería e columnas que delimitan os distintos tramos, reforzando a súa estabilidade e integración na contorna. Esta actuación permitiu preservar e poñer en valor elementos patrimoniais tradicionais, garantindo a súa funcionalidade e conservación a longo prazo.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A delegada tamén visitou unha segunda intervención que contemplou as obras de restauración e conservación dun muro tradicional de 72 metros de lonxitude en Villamor, tamén no concello de Toques. Trátase dun peche tradicional de pedra sobre pedra que delimita a parcela respecto á vía pública. Os traballos incluiron a limpeza e retirada de vexetación, así como a reconstrución do muro a dúas caras vistas, respectando as técnicas construtivas tradicionais e garantindo a súa correcta integración na contorna.
A última das actuacións visitadas corresponde á rehabilitación dunha palleira no lugar de Leboreiro, no concello de Melide. As obras consistiron na renovación do acabado exterior da cuberta e a fachada, así como no rebaixe da altura da edificación para adaptala ás construcións existentes na contorna. A intervención incluíu a colocación de tella cerámica curva, conforme os criterios establecidos na Guía de cor e materiais de Galicia, así como o recebo da fachada con morteiro de cal de cor branca. Esta actuación permite recuperar un elemento representativo da paisaxe agraria tradicional, mellorando a súa integración ambiental e paisaxística.
A representante do Goberno autonómico explicou que “esta orde de axudas busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan a Rede Natura, a maior rede de espazos protexidos do mundo, que atesoura un altísimo patrimonio ecolóxico, social e económico. En Galicia arredor de 375.000 hectáreas están amparadas baixo esta figura, o 12% do territorio. Concretamente, o Concello de Toques é o terceiro de Galicia en extensión con Red Natura, cun 41,49% do seu territorio baixo esta protección.
Belén do Campo explicou que esta convocatoria bianual de axudas (2024-2025) estaba dirixida a persoas físicas con propiedades incluídas total ou parcialmente na Rede Natura de Galicia, así como para Concellos, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común.
Nova convocatoria 2026
A delegada da Xunta aproveitou a visita para informar que a Xunta destina este ano un orzamento de 1.870.000 euros a axudas para distintas actuacións de mellora, protección e conservación de espazos protexidos galegos pertencentes á Rede Natura 2000, a reservas de biosfera da comunidade ou aos seus seis parques naturais.
Durante a súa visita aos concellos de Toques e Melide a representante do Goberno autonómico explicou que a orde destes apoios sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días. Nesta ocasión intégranse nunha única orde as tres existentes en anos anteriores -para espazos en Rede Natura 2000, en parques naturais ou reservas de biosfera- co fin de simplificar o procedemento e facilitar as xestións dos administrados.
Non obstante, Belén do Campo detallou que a orde se divide en dúas liñas de axudas, unha para actuacións en reservas de biosfera e outra para terreos en parques naturais ou Rede Natura 2000. No caso da primeira, os potenciais beneficiarios son as administracións públicas ou entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas de biosfera de Galicia e que desenvolvan actuacións en zonas rurais situadas en calquera das reservas dentro do ámbito territorial da comunidade.
Publicidade
En canto ás achegas para espazos de Rede Natura 2000 ou parques naturais de Galicia, están dirixidas a concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgúns dos parques naturais da comunidade ou na Rede Natura 2000, a asociacións ambientais sen ánimo de lucro, a persoas físicas ou a empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas.
Belén do Campo explicou que o fin último destes apoios é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.
Accións que se apoian
De feito, as achegas permiten subvencionar actuacións para a conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente no caso de hábitats, especies e espazos protexidos, así como doutras que teñan un impacto favorable na mitigación e/ou adaptación ao cambio climático. Entre elas estarían as accións de control e eliminación de especies exóticas invasoras, a redución e mitigación dos impactos sobre a fauna derivados das actividades humanas, a protección do solo, a realización de inventarios e estudos ou campañas de concienciación ambiental.
Publicidade
Tamén son subvencionables actuacións de conservación e recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional. Entre eses elementos inclúense pallozas, hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, muíños, alvarizas, terrazas de pedra ou bancais.
Esta orde de axudas tamén permite apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos incluíndo investimentos para uso público como a creación, restauración ou adecuación de rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas, relacionadas coa posta en valor do uso público do espazo protexido. Ademais subvenciónanse proxectos de sinalización orientativa, informativa ou interpretativa do espazo protexido; a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, así como a creación ou mellora de aparcadoiros disuasorios.








Comentarios