DIA favorable para a ampliación dunha explotación de ceba de pavos en Melide
- Laura Moure
- hace 4 días
- 3 Min. de lectura
As obras que se proxectan executaranse anexas a unhas instalacións xa existentes e implican incrementar a capacidade actual ata as 27.200 prazas totais
Laura Moure/Melide
A Xunta acaba de ditar declaración de impacto ambiental (DIA) favorable á ampliación dunha explotación de ceba de pavos, no concello de Melide, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor, como os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA.
Segundo consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), as novas instalacións estarán localizadas nunha parcela de 3,72 hectáreas, no lugar de Locai de Abaixo, na parroquia de Santa Cristina de Orois, no concello de Melide. A iniciativa está promovida por Parrado Suárez, SC. e pola Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias como órgano substantivo.

Trátase de ampliar unha explotación de ceba de pavos xa existente co obxecto de pasar da capacidade inicial de 12.800 prazas actualmente autorizadas ata unhas 27.206 prazas totais, coa construción dunha nova nave que irá anexa á xa existente, unha esterqueira e as súas instalacións actuais.
Neste sentido, cómpre destacar que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto. Asemade, a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de oito organismos e entidades consultados. Froito das consultas realizadas, a maioría dos informes sectoriais emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións, que se engaden ao contido que deberá incluír o programa de vixilancia ambiental que corresponde elaborar ao promotor. Todo isto aparece mencionado na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Publicidade
Neste sentido, os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; solo e infraestruturas; xestión de residuos; patrimonio natural e integración paisaxística, entre outros.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e dase publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
Publicidade
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite da máxima exixencia como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares, así como a obriga de dispor dun plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.
Comentarios