top of page

Denuncian o financiamento con fondos públicos das actividades da empresa da mina de Touro

Ecos da Comarca/Touro

Ecoloxistas en Acción Galiza e a Plataforma Mina Touro-O Pino NON e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denuncian o financiamento con fondos públicos das actividades da empresa da mina de Touro. Sinala que "mentres se financia a Cobre San Rafael, seguimos vendo como cada ano se lles denega á solicitude de plan de mellora a persoas mozas que queren iniciar a actividade agraria ou mellorar o seu proxecto".


E indica que "desde 2018, o CEO de Atalaya Mining, Alberto Lavandeira, concedeu varias entrevistas nas que afirmou que o proxecto da mina de Touro non ten a máis mínima dúbida de que se vai aprobar”. Engadiu tamén que “Cobre San Rafael non pediu subvención algunha nin a vai pedir”, e que se tratará dunha industria “con tecnoloxía”.

Pola súa banda, apuntan que, o director xeral de Cobre San Rafael (CSR), Fernando Riopa, realizou declaracións a diversos medios e nas súas redes sociais sobre as denuncias de vertidos da antiga mina no dominio público hidráulico. Segundo indicou, “con respecto ás críticas sobre a posible contaminación do río Ulla, nunca a houbo, nin no Ulla nin en ningún dos ríos da contorna da mina”. Ao mesmo tempo, a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, visitou Atalaya Mining nas Minas de Río Tinto, onde se publicou unha ampla reportaxe fotográfica desa mina e da inmensa balsa mineira.


"Hoxe coñecemos, a través do DOGA, as novas adxudicacións a dedo de axudas a Cobre San Rafael e Explotaciones Gallegas de cartos públicos dos galegos e galegas. Unhas axudas que, por terceiro ano, chegan coma un aguinaldo a unha empresa que non ten ningún proxecto mineiro aprobado, e que non conta con ingresos pola sua actividade de ningún tipo. Estes cartos, segundo se indica nas publicacións do DOG, parecen ir destinados a pagar os gastos da realización de obras para evitar as verteduras de augas contaminadas ao Dominio Público Hidráulico (DPH) que se lle requirira no 2018", indican os colectivos.


En total, apuntan, "máis de 340 mil euros destínanse a financiar unha empresa que, segundo o rexistro mercantil, é insolvente, así como máis de 110 mil euros para financiar ao grupo empresarial EXGA. Este último, a pesar de ser un dos grupos que obtén o maior número de licitacións públicas, ten que ser subvencionado e recorre ante os tribunais o pago de sancións impostas por Augas de Galicia por verteduras de augas industriais con elementos contaminantes sen autorización".


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Manifestan a súa total oposición a este tipo de financiamento á mina "para uns traballos que deberían correr por conta da mercantil propietaria dos terreos e a empresa que ten a concesión mineira, que por lei ten a obriga de restaurar os terreos e evitar que as augas contaminadas saian aos ríos, e que por outra parte, á vista está que non son operativos nin se obtén o resultado que se lles demandou de maneira firme hai xa máis de sete anos. Sentimos que isto é unha burla a toda a sociedade galega, ao dispor de cartos públicos para uns traballos que deberían ser por conta das mercantís titulares, e que ademais venden como algo que fan con fondos propios sen recorrer á financiamento público, sendo unha mentira máis".


A maiores, sinala, "mentres se financia a Cobre San Rafael, vemos como ano tras ano se lles denegan en moitas ocasións as súas solicitudes ás persoas mozas que queren iniciar a actividade agraria ou mellorar o seu proxecto mediante un plan de mellora. Por exemplo, no ano 2024 denegáronse o 70% dos expedientes de plans de mellora, moitos deles presentados por mozas e mozos que se incorporaban e iniciaban a actividade. No ano 2025, de novo resultaron insuficientes os orzamentos, polo que non se convocaron as axudas para pequena granxa nin para persoas maiores de 41 anos".


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

E lembran que "o proxecto de reapertura da mina de Touro, que fora denegado en 2020, volve estar pendente dunha nova DIA a pesar de ser practicamente idéntico ao anterior. Todo indica que o único que se pretende, tal e como xa denunciara no seu momento o Sindicato Labrego Galego cando se declarou PIE (Proxecto Industrial Estratéxico), é dispor agora dunha alfombra para acceder de maneira prioritaria a fondos públicos".


"Os pagos de patrocinios de festas parroquiais, cuñas de radio, publireportaxes, ou equipamentos deportivos si parecen estar dentro dos actos que entran na actividade mercantil da empresa do cobre dentro da sua campaña de greenwashing, a pesar da súa situación de quebra, como xa denunciaron dende Ecoloxistas en Acción, que recorreu a declaración de PIE".



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page