top of page

Demandan un arranxo urxente da estrada que vai da ponte de Remesquide a Brandomés

Veciños e condutores mostran as súas queixas e sinalan que lles están provocando danos nos seus vehículos


Laura Moure/IsmaelRS/Vila de Cruces/Touro

Un dos fochancos na Ponte da Remesquide. Autor: Ecos da Comarca

Veciños e condutores que pasan a cotío pola estrada que une os municipios de Vila de Cruces e Touro quéixanse do estado lamentable que presenta, así coma o vial da propia ponte de Remesquide. Especialmente, é o tramo que vai dende esta ponte ata o lugar de Brandomés, na parroquia cruceña de Brandariz. Ademais, denuncian que xa sufriron danos nos seus vehículos e que están cansos de reclamar ás autoridades pertinentes sen recibir unha solución.


"Demandamos que arranxen canto antes os baches da ponte de Remesquide máis a zona de Brandomés, que está peor cas pistas da parcelaria", lamenta un dos afectados. "Eu xa rompín unha llanta na costa de Brandomés e pagáronma e a semana seguiente asfaltaron". Pero lamenta que volva presentar un estado penoso, especialmente a ponte.


"Ao menos que tapen os buratos. Xa non se pide que asfalten, pero polo menos non partir o coche", demandan. Ademais, estes veciños séntense indignados porque ninguén lles fai caso e o que fan e pasar a pelota duns a outros. "O tema da ponte é de risa! Vas ao Concello de Vila de Cruces e mándante ao de Touro e viceversa", comentan. "Hai un ano o de Touro ‘tapou’ os buratos con asfalto en frío, do que vén en bidóns, e pisábano co remolque do coche. De chiste! E só taparon ata a metade, que supostamente era ata onde lles pertencía".


Este é un vial moi transitado. "É unha estrada pola que pasamos moitos todos os días para ir a traballar. Estamos fartos de comentarllo ao alcalde de Vila de Cruces, pero tanto ten dicirllo como estar calado", relata unha afectada.


Os veciños tamén reclaman a limpeza da ponte. "Xa que cando chove rebosa a auga", sinalan.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page