top of page

Declaran de utilidade pública as parcelarias lalinenses de Cristimil, Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga

Laura Moure/Lalín

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal catro decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Soutochao (Vilardevós) e Cristimil, Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga (Lalín). Deste xeito, mediante a concentración global de algo máis de 4.000 hectáreas relativas a estes catro procesos, veranse beneficiados máis de 2.300 propietarios.

Así, cómpre sinalar que o proceso de Soutochao (Vilardevós) afectará unha superficie total 621 hectáreas, repartidas en 3.285 parcelas propiedade de 714 veciños. A parcelaria de Cristimil (Lalín) reorganizará unha superficie total de 455 hectáreas, repartidas en 3.330 parcelas de 235 veciños. A concentración de Galegos (Lalín) reestruturará unha superficie de 431 hectáreas repartidas en 2.308 parcelas propiedade de 187 veciños. Por último, o proceso de Goiás-Xaxán-A Veiga (Lalín) afectará unha superficie de 2.589 hectáreas, repartidas en 8.084 parcelas propiedade de 1.207 veciños.


Desta forma, cómpre indicar tamén que estes catro novos decretos de concentración parcelaria decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Por iso, os catro procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Vilardevós, hai un total de 8 explotacións activas, mentres que nas parroquias de Lalín hai un total de 223 (27 en Cristimil, 40 en Galegos e 156 na terceira zona), de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.


Novos procesos que se decretan

Estes decretos súmanse aos outros nove aprobados no último mes polo Goberno galego e que porán en marcha novas concentracións parcelarias nos concellos de Abadín, Becerreá, Baños de Molgas, Castroverde, Petín, Rairiz de Veiga, Caldas de Reis, Dozón e Valga. Ademais destes 13 novos procesos, a Xunta prevé decretar este ano outras 10 zonas de concentración parcelaria, que se sumarán ás cinco parcelarias decretadas no ano 2021 -as primeiras desde a entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia- en Outeiro de Rei, Ordes, Friol e Castro de Rei.

Desta forma, entre os anos 2021 e 2022 decretaranse 28 novas concentracións, que abarcan un total de 23.524 ha e 109.433 parcelas de 15.586 titulares. Precisamente, cabe sinalar que por cada proceso finalizado (con títulos de propiedade entregados aos veciños), a Xunta decretará unha nova zona de concentración parcelaria para loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións. Así, cabe engadir que entre o ano 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 23 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de case 16.600 hectáreas, beneficiando máis de 10.600 propietarios que recibiron arredor de 24.200 títulos de propiedade.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page