Cárnicas Mosquera de Vila de Cruces álzase con dous premios no concurso de escaparates
- Laura Moure

- 20 dic 2022
- 1 Min. de lectura
Gaña o primeiro premio e o galardón ao máis orixinal // O resto de agraciados son Frutas Taboada, Óptica Calveiro e Floristería Jovi
Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces fixo hoxe público os nomes dos establecementos que gañaron o concurso de escaparates de Nadal convocado polo ente local. O primeiro premio é para Carnicería Mosquera; o segundo recaeu en Frutas Taboada; o terceiro, en Óptica Calveiro e o cuarto foi para Floristería Jovi. Mentres, Carnicería Mosquera obtivo tamén o Premio ao escaparate máis orixinal.
"Estamos moi contentos. Non esperabamos gañar. Este ano a verdade é que o que queríamos era facer unha homenaxe ós nosos antepasados, polo importante que foron e de aí xurdiu facer unha lareira e colgar o pote de novo. Así que nos movemos máis polo sentimento que polo espíritu navideño e igual iso tamén o veu o xurado ou igual volveu un pouco atrás no tempo", indican dende Cárnicas Mosquera.
En concreto o escaparate de Mosquera volve ao ano 1939. "Este ano o noso escaparate vai adicado ós nosos antecesores que no 1939 decidiron emprender no mundo carniceiro, eles foron quen nos ensinaron as formas de traballar, as receitas e o amor por este traballo. E aínda que a boráxine do día a día nos mantén demasiado ocupados, seguimos aquí gracias a eles", recalcan.
Foi o tenente de alcalde, Julio López, o que hoxe mesmo fixo entrega dos premios.
Contías
Os gañadores recibirán:
Primeiro premio: 175 euros.
Segundo premio: 125 euros.
Terceiro premio: 100 euros.
Cuarto premio: 70 euros.
Premio á orixinalidade: 75 euros.







Comentarios