Cruz Vermella impulsa a inserción sociolaboral na comarca de Deza
- Laura Moure

- hace 10 horas
- 2 Min. de lectura
Conta coa colaboración da Fundación “A Caixa” e alianzas empresariais
Laura Moure/Lalín
No marco da Convocatoria de Acción social no ámbito rural, que impulsa a Fundación “a Caixa”, Cruz Vermella puxo en marcha o proxecto “Inserción sociolaboral e apoio ao emprendemento rural no Deza”, unha iniciativa que busca mellorar a calidade de vida na contorna rural, promovendo o acceso igualitario ao emprego e o desenvolvemento integral das persoas.

O programa, que se desenvolverá ata 2028, está dirixido a persoas desempregadas da comarca de Deza, con especial atención a mozas, mulleres —incluídas aquelas con problemáticas sociais ou vítimas de violencia de xénero— e colectivos en situación de vulnerabilidade.
Como parte das accións do proxecto, leváronse a cabo sesións de orientación laboral en colaboración coa Asociación de Empresarios da comarca, que permitiron achegar ás persoas participantes ás necesidades reais do tecido empresarial local. Ademais, realizouse unha orientación específica cunha Empresa de Traballo Temporal, Flexiplan do Grupo Eulen, ofrecendo información práctica sobre procesos de selección e oportunidades en sectores con alta demanda.
Publicidade
Formación e prácticas para mellorar a empregabilidade
O proxecto contempla itinerarios individualizados e formación en áreas crave como atención sociosanitaria e operacións auxiliares no coidado e manexo de animais, ademais de talleres transversais sobre procura de emprego dixital, igualdade de oportunidades e empoderamento tecnolóxico.
As persoas participantes tamén poderán realizar prácticas non laborais en empresas locais, reforzando a súa experiencia e competencias. Os cursos inclúen diplomas e certificacións de competencias prácticas, e tras a formación implementarase un seguimento individualizado para apoiar a inserción laboral, o emprendemento ou a mellora de condicións profesionais.
Publicidade
Cruz Vermella reafirma o seu compromiso co desenvolvemento rural, fortalecendo redes de colaboración entre municipios e axentes económicos para xerar oportunidades sostibles en zonas despobladas.








Comentarios