CrucesArte reunirá esta fin de semana o talento de máis 250 creadores locais e emerxentes
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 3 Min. de lectura
Será a décimo cuarta edición e celebrarase as tardes do sábado e o domingo no Auditorio Municipal Xosé Casal
Laura Moure/Vila de Cruces
O encontro de artistas e creadores locais de artes plásticas, escénicas, musicais e literarias CrucesArte chega esta fin de semana a Vila de Cruces. A décimo cuarta edición celebrarase as tardes do sábado e o domingo no Auditorio Municipal Xosé Casal, onde se reunirán ao redor de 250 creadores que amosarán o eu talento a toda a veciñanza. O alcalde de Cruces, Luís Taboada, destaca que CrucesArte é “a maior xuntanza artística
que se celebra no medio rural galego, unha plataforma de promoción de creadores locais
e emerxentes”. Sinalou que o encontro é a maior convocatoria cultural que agrupa as principais disciplinas: arte, música e literatura reunidas nun mesmo certame coa asistencia dos artistas e protagonistas. “Son os nosos artistas, os nosos músicos e os
nosos escritores, onde as mulleres teñen unha destacada presencia” –manifesta–.
O evento, presentado un ano máis pola xornalista cruceña Mercedes Seijo, inaugurarase
o sábado ás 17:00 horas, cunha exposición de artes plásticas na que participarán os
artistas Santiago Tato, A Solaina da Fundación Paco Lareo, José Sesto, Miguel Ramos,
Estela Quintás Fernández, Lucía Dubra, Natalia Santiso, Elena Ferro, Manolo O Ferreiro,
Suso de Carbia, Bernardino Mendoza, Sergio Mella, Belén Parcero, alumnas do curso de
bolillos de Piloño, Lucía Peiteado e a Asociación Mulleres Rurais de Camanzo.

A continuación, na tarde do sábado celebrarase o encontro “A arte nas letras”. Diferentes
escritores, como membros da Fundación Xosé Neira Vilas, Iria Anido, Ofelia, Nano O
netiño de Naveiro, Consuelo Souto Duarte e Manuel Núñez Fiuza recitarán nesta
xuntanza literaria. Entre os participantes, figura como convidada especial nesta décimo
cuarta edición a profesora e escritora, da parroquia lalinense de Santiso, Charo Golmar.
En CrucesArte, Charo Golmar recitará tres poemas propios. O primeiro, titulado Invisibles,
fai referencia ás persoas que pasan ao noso carón pola rúa, “persoas maiores invisibles
para o mundo”; o segundo poema versará sobre a súa casa natal, destacando como este
tipo de vivendas do rural van quedando abandonadas, con pequenas feridas, aínda que
manteñen a calor e a memoria dos que alí vivían. “O rural vaise achicando, con casas
baleiras que teñen moito significado, caixiñas da memoria que son parte da nosa historia
e da nosa esencia” –explica a poeta–.
Publicidade
A profesora asegura que CrucesArte é unha moi loable iniciativa que pon en valor a todos
os artistas de Cruces e a súa contorna, “como persoas que nos movemos polo afecto e
comunicamos pola palabra, a arte e a música”.
A lalinense finalizou o seu labor profesional como docente no CEIP Xesús Golmar de
Lalín, centro que leva o nome de seu pai, tamén mestre de profesión. Vinculada desde
sempre ao mundo da literatura e da cultura, é colaboradora asidua en obras colectivas e
participante activa en actos de recoñecemento a persoas dos ámbitos cultural, literario e
docente da Fundación Paco Lareo, na súa forxa literaria da Solaina de Piloño, e na
Fundación Xosé Neira Vilas, da que é membro do seu padroado.
Charo Golmar é autora do poemario ‘Nobelo de luz' (2020), baseado na súa experiencia docente onde pon voz a un alumno con autismo; o libro de poesía ‘No bico do vento’ (2022), destinado a todas as idades que pretende recuperar vocabulario, oficios que xa non están en vixencia, e no que se fala da vida, do paso do tempo e mesmo das
estacións; e o conto “Alma de Nadal”, ambientado nas aldeas de Nadal e os seus distintos
personaxes, como son os Reis Magos, o Apalpador ou Papá Noel.
A poeta participou como colaboradora en diversas obras colectivas, como ‘Libro dos Reis
Magos’, ‘Homenaxe a Manuel María’, ‘Homenaxe a Olimpio Arca Caldas’, ‘Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda’, e ‘Homenaxe a Isaac Díaz Pardo’. Tamén colabora coa revista Nós, a Xente do Redor. Ademais, conta no seu haber con diferentes
recoñecementos poéticos.
Publicidade
Actuacións musicais toda a fin de semana
O sábado finalizará coas actuacións da Banda Xuvenil da Artística de Merza, A Brincadeira de Carbia, Bailes latinos Ritmo do Ulla, Grupo de Baile Punteirolo, Isma
Vázquez, Grupo de Acordeóns de Vila de Cruces, Coral Polifónica de Piloño, Vainela, e
Voces da Terra.
O domingo o evento continuará ás 18:00 horas coas actuacións dos grupos Coral de San
Salvador de Camanzo; O Arco de Merza; Grupo de Zumba de Cumeiro e Camanzo; Sin
tón, nin Són; Saleta Cea, Aldara García e Natalia Cea; Punteirolo de tabernas; Os
Kokakolas; Os da Telleira; e Xuntounos Ela.








Comentarios