Cruces inicia a demolición da parcela que permitirá avanzar na apertura da vía da rúa Manuel Iglesias
- Laura Moure

- hace 14 horas
- 2 min de lectura
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces iniciou as obras de demolición da parcela adquirida polo Concello na rúa Manuel Iglesias, un paso necesario para continuar coa apertura e ampliación da vía. O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, e o concelleiro de Obras, Juan Carlos Rodríguez, desprazáronse ata a zona para comprobar o inicio dos traballos e reunirse cos veciños e veciñas que están a colaborar no desenvolvemento desta actuación.

O alcalde quixo aproveitar este encontro para agradecer publicamente a todos os veciños e veciñas a súa colaboración e disposición, especialmente a aqueles propietarios que cederon parte das súas propiedades para facer posible a continuidade e ampliación da vía.
Luís Taboada destacou que “esta actuación non sería posible sen a colaboración dos veciños. Quero agradecerlles sinceramente a súa disposición e o seu compromiso, porque cando Concello e veciñanza traballamos xuntos somos capaces de facer realidade proxectos importantes para Vila de Cruces”.
PUBLICIDADE
O rexedor quixo tamén aproveitar este momento para facer extensivo o agradecemento “a todos os veciños e veciñas que durante este tempo colaboraron co Concello realizando cesións das súas propiedades para facer posibles novos proxectos que melloren Vila de Cruces, independentemente desta obra concreta. A súa xenerosidade e implicación co municipio son de agradecer e poñen de manifesto que, xuntos, podemos seguir facendo avanzar Vila de Cruces”.
Taboada sinalou que o inicio da demolición “é un paso máis dun proxecto no que levamos tempo traballando e que agora comeza a converterse nunha realidade”, reafirmando o compromiso do Goberno municipal de seguir impulsando actuacións que melloren as infraestruturas e a mobilidade do municipio.
PUBLICIDADE
O Concello continúa así avanzando, coa colaboración da veciñanza, na mellora da rúa Manuel Iglesias e na creación dunha vía que contribuirá a mellorar a conexión e accesibilidade desta zona.








Comentarios