top of page

A Festa da Empanada da Bandeira contará con categoría infantil no se concurso de empanadas

Laura Moure/Silleda

A Asociación Cultural Amigos da Empanada da Bandeira (Silleda) aproveitou o inicio da Feira Abanca Semana Verde de Galicia para reunir á rapazada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira co obxectivo de aprender a elaborar empanadas.

O obradoiro, organizado polo GDR Pontevedra Norte, contou coa presenza do alumnado de terceiro e cuarto de primaria do centro educativo e con representantes da Asociación Cultural Amigos da Empanada, que aproveitaron a ocasión para anunciar que a nova edición da Festa da Empanada contará cunha categoría de crianzas que sumaría ás de afeccionados e profesionais.


Os cativos tiveron ocasión de amasar, cociñar o recheo e comer as súas propias empanadas. Ademais, o alumnado recibiu un agasallo moi especial, unhas galletas coa figura do Empanadín, a mascota oficial da Festa da Empanada, realizadas pola Pastelería Arco da Vella de A Bandeira.


Dende 1975, A Bandeira elixe a mellor empanada do país entre as decenas de creacións que tras o veredicto dun xurado composto por un variado equipo de profesionais do mundo da gastronomía, as empanadas gañadoras pasan a subastarse entre o público asistente, chegando a alcanzarse os 2.400 euros por unha empanada.

A directiva do colectivo sinala que esta acción “busca promover o produto gastronómico da empanada entre a rapazada co obxectivo de que nunca se perda unha tradición tan arrigada na vila da Bandeira como é a Festa da Empanada”.

Esta novidade súmase á modificación dos horarios xa que este ano o concurso, poxa e pregón da Festa da Empanada terán lugar ao mediodía, xusto antes dunha gran comida de “peñas” na carballeira que dará paso a unha variada animación musical durante toda a tarde e que finalizará coa tradicional cea de peñas e verbena. “As mesas costarán o mesmo, pero a xente que o desexe poderá comer e cear no seu espazo reservado, ampliando así as horas de festa,” apunta a directiva da asociación. 

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page