top of page

Erea Rey liderará a candidatura do BNG de Silleda

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Faino coa mirada posta “nunha Silleda nova e participativa, que desenvolva as súas potencialidades e ofreza oportunidades de futuro á veciñanza”


Laura Moure/Silleda

Erea Rey, unha moza de 29 anos natural da parroquia de Ponte, é a candidata do BNG á alcaldía de Silleda. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en mediación patrimonial e traballadora no sector do comercio, dá o salto á política municipal coa mirada posta “nunha Silleda nova e participativa, que desenvolva todas as súas potencialidades e ofreza oportunidades de futuro á veciñanza”.

Erea Rey asegura dar este paso contando “cun proxecto político para unha Silleda avanzada, que non vaia a remolque de ningunha outra localidade nin sexa lugar de paso, senón un concello cunha veciñanza orgullosa de vivir aquí, onde poder criar aos nosos fillos e fillas, e onde queiramos e poidamos envellecer con dignidade”. Neste sentido, a candidata nacionalista avoga por un modelo de xestión municipal que impulse o desenvolvemento de todos os sectores produtivos, que garanta servizos básicos no rural –como a rede de abastecemento e saneamento de auga-, e cun deseño dos espazos públicos de ambos centros urbanos pensandos para as persoas, para a convivencia veciñal e o impulso do comercio local, con parámetros de accesibilidade universal e cunha rede de aparcadoiros públicos.


Erea Rey lidera, de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio, un equipo de persoas que dan mostra da diversidade social e xeracional da poboación do propio concello. No número dous, vai acompañada por Xerardo Díaz, veciño de Dornelas e asesor fiscal de profesión, seguido de Carme Fidalgo, referente do nacionalismo municipal na comarca do Deza e que desenvolve a súa actividade profesional en Silleda, e de Marcos Cardoso, traballador do sector da hostalería e que, sendo natural de Campomarzo, reside desde hai décadas na Bandeira.


“Somos un equipo que cremos que este concello debe ser rexenerado con ideas frescas e proxectos que desenvolvan os recursos propios”, asegura a candidata, quen indica que entre os temas máis salientables do programa de traballo do BNG se sitúan a transparencia nas contratacións públicas, a participación cidadá e o fortalecemento dos servizos públicos, que considera “básicos para unha vida digna independentemente do lugar de residencia, sexa urbano ou rural”. Neste sentido, apunta a unha aposta por poñer en marcha medidas avanzadas e innovadoras que xa están dando resultados positivos noutros lugares do país, como a potenciación decidida da compostaxe do lixo, ou a conexión entre rural e vilas a través do sistema de transporte público a demanda.  

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Tras a súa presentación pública esta fin de semana, a candidatura nacionalista que encabeza Erea Rey explicará ante a veciñanza un programa que tamén inclúe, sempre desde o marco das competencias municipais, iniciativas que incidan no acceso á vivenda para a xente moza, a mellora de atención ás escolas e centros de saúde, a amplicación do servizo de axuda no fogar, ou o aproveitamento turístico dos recursos naturais e patrimoniais de forma que deixen retorno econónico entre a poboación local.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page